Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicados os traballos de dotación de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicados os traballos de dotación de servizos previos á execución da senda peonil e ciclista entre Carballo e Bértoa

O Concello e a Xunta teñen asinado un convenio para que a obra de urbanización vaia acompañada de todas as infraestruturas precisas

Luns 13 de marzo do 2017 Carballo ao día

O casco urbano e o polígono quedarán unidos por unha senda peonil e ciclista de 1.000 metros de lonxitude

O casco urbano e o polígono quedarán unidos por unha senda peonil e ciclista de 1.000 metros de lonxitude

A UTE Senda Bértoa, integrada polas empresas Lancer Proyectos y Obras S.A. e Viviendas y Obras Civiles S.A., executará as obras de dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista entre Carballo e Bértoa, unha senda de 1.000 metros de lonxitude que unirá a capital municipal e o polígono industrial de Bértoa, facilitando a mobilidade de peóns e usuarios/as da bicicleta en condicións de seguridade. A adxudicación fíxose efectiva na sesión que celebrou hoxe a Xunta de Goberno Local, por un importe de 292.974,63 euros.

O proxecto está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, pero neste caso concreto, a petición do Concello de Carballo, a obra vai máis alá da urbanización en superficie. As dúas Administracións asinaron un convenio para acometer tamén a renovación e/ou instalación de todos os servizos, de xeito que o Concello de Carballo achegará o 30% do orzamento para financiar as redes de telecomunicacións, electricidade e gas, e a Consellería de Infraestruturas sufragará a instalación de alumeado, drenaxe, redes de pluviais e residuais, ademais da urbanización da superficie.

O obxectivo desta actuación, que tamén se levará a cabo entre Carballo e Coristanco e noutros moitos outros puntos de Galicia, é facilitar a mobilidade peonil e ciclista, neste caso concreto entre o casco urbano e o parque empresarial de Bértoa. A senda discorrerá pola marxe dereita da vía e terá 9 metros de ancho, que permitirán habilitar itinerario peonil, carril bici, franxa axardinada e, nas zonas nas que haxa espazo, aparcadoiros. O prazo de execución da obra que financia o Concello de Carballo é de seis meses. A Xunta de Galicia, pola súa banda, adxudicou á empresa Canarga a outra parte do proxecto, que se agarda que estea rematado este ano na súa totalidade.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local iniciou o procedemento de contratación das obras dos aparcamentos e a zona verde do polígono, cofinanciadas pola Deputación

Na sesión tomouse outra decisión relacionada coa mellora dos servizos no polígono industrial, neste caso no que se refire aos aparcamentos e a zona verde, que se financiará mediante un convenio entre o Concello de Carballo e a Deputación Provincial da Coruña cun orzamento total de 146.488,57 euros. A Xunta de Goberno acordou iniciar o procedemento de contratación das obras.

Tamén se adoptaron outros acordos, entre eles o pago de facturas por 34.183 euros, a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para a limpeza de praias, a concesión dunha axuda nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, varias licenzas de obra e unha modificación do contrato de limpeza viaria. En materia de contratación tamén se acordou iniciar o procedemento de licitación do servizo de asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM).

Compartir: