Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo formalizou o ano pasado...

O Concello de Carballo formalizou o ano pasado contratos de obras na zona rural por máis de 1 millón de euros

Os contratos de obras e servizos asinados ao longo do 2016 acadaron os 3,4 millóns

Martes 14 de marzo do 2017 Carballo ao día

A mellora da rúa Martín Herrera foi un dos tres proxectos de obras contratados para o casco urbano

A mellora da rúa Martín Herrera foi un dos tres proxectos de obras contratados para o casco urbano

O Concello de Carballo asinou o ano pasado contratos de obras e servizos por un importe total de 3,4 millóns de euros. Desta cantidade, case 1,5 millóns corresponden a obras. Na relación, publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para coñecemento público, figuran tres proxectos no casco urbano por un importe total de 444.489,35 euros: a mellora das rúas Vila de Noia e Martín Herrera, xa rematados, e a reparación de varias rúas do casco urbano, que comezará en breve. Pero o groso das obras sitúase na zona rural, cun investimento total de 1.029.136,46 euros. A rede de saneamento no Rodo (Oza), o rebacheo de camiños na parroquia de Rus e a reparación das vías secundarias de Noicela, Vilela e Bértoa xa están rematados, en Razo e Oza están en execución, e en Cances, Goiáns, Carballo, Sísamo e Artes, arrancando ou a piques de facelo. A maiores figura un gasto de 141.533,70 €, tamén executado, en limpeza, desbroce e mantemento de cunetas nas vías das parroquias, e, relacionado con este tipo de actuacións, un contrato de aluguer de pala-camión con condutor por 61,75 €/hora.

Tamén foi contratada e executada no 2016 a obra de substitución do céspede artificial e equipamento deportivo do campo municipal das Eiroas, por 304.331,21 €, e o reacondicionamento de instalacións na Biblioteca Rego da Balsa, por 25.500.

No conxunto dos contratos, o prezo de adxudicación foi un 19% inferior ao de licitación, o que supuxo un aforro de máis de 800.000 euros para as arcas municipais

Pero o Concello de Carballo non só contratou obras, senón tamén servizos, algún tan importante como o de limpeza de bens inmobles, que se dividiu en catro lotes, por un importe total de 1.277.799,54 euros. O servizo de limpeza e mantemento do cemiterio municipal e servizos de inhumación e exhumación foi adxudicado por 135.800 euros, e con menores cantidades figuran o mantemento e actualización do acceso wifi, o subministro de antivirus, o renting de copiadoras e aparellos para as salas fitness, o subministro de pellets para calefacción ou o de materiais de pintura para os programas de arte urbana.

O ano pasado tamén se aprobou a ampliación do obxecto contractual e, en consecuencia, do prezo dos servizos de limpeza de colexios públicos de infantil e primaria e de mantemento das aplicacións informáticas, que suman no seu conxunto menos de 11.000 euros ao ano. Así mesmo, foron prorrogados os contratos de mantemento de portas automáticas dos edificios municipais, de dirección e coordinación da Banda de Gaitas Municipal, de organización e vixilancia do espazo público da feira da Milagrosa, do programa de exercicio físico para maiores de 60 anos e de limpeza de praias.

Compartir: