Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde de Carballo participou en...

O alcalde de Carballo participou en representación da Fegamp e de Bergantiños nunha xuntanza sobre a praga da pataca

A directora xeral de Agricultura deu a coñecer as medidas previstas pola Xunta tanto nas zonas afectadas coma no resto das comarcas produtoras

Mércores 15 de marzo do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo participou hoxe en Santiago nunha reunión coa directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Do Campo, sobre a praga da pataca. Evencio Ferrero asistiu en calidade de vicepresidente segundo da Fegamp, pero tamén en representación da comarca de Bergantiños, unha das principais zonas produtoras de Galicia. Tamén participaron o subdirector xeral de Agricultura, un técnico da consellería, o presidente da Fegamp e un representante de cada unha das comarcas afectadas, A Mariña Luguesa e Ferrolterra.

Unha vez que o Consello de Ministros vén de aprobar o real decreto que regula a plantación de pataca e a súa prohibición nos 31 concellos galegos afectados, quedaban por coñecer as medidas concretas que desenvolverá ao respecto a Xunta de Galicia, que será a encargada, ademais, de delimitar a superficie na que non poderán plantarse patacas. Belén Do Campo explicou as accións previstas nas zonas afectadas e anunciou que se crearán barreiras para evitar o contaxio doutras comarcas.

O alcalde de Carballo trasladoulle á directora xeral a importancia económica que ten o sector da pataca no noso concello e no resto da comarca, e avogou por estreitar a colaboración e a información entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para acadar unha actuación coordinada e efectiva ante a crise creada pola praga.

Precisamente o pleno da corporación aprobou na súa última sesión unha moción presentada polo grupo socialista relativa ás medidas a adoptar para evitar que a couza guatemalteca chegue a Bergantiños, unha das tres comarcas galegas incluídas na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. 

Compartir: