Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo Limpo pon en marcha un plan de fregado...

Carballo Limpo pon en marcha un plan de fregado de beirarrúas

O servizo municipal utiliza un sistema rotativo de limpeza de pavimentos pioneiro en Galicia

Xoves 16 de marzo do 2017 Carballo ao día

O servizo municipal de Carballo Limpo está a desenvolver un plan de fregado de beirarrúas no que se utiliza unha tecnoloxía pioneira en Galicia. Trátase dun sistema rotativo de limpeza de pavimentos moi sinxelo e eficaz, que, basicamente, consiste no lanzamento de auga a presión sobre as superficies para arrastrar po, residuos e desperdicios cun reducido consumo de auga.

A fregadora que se está a utilizar en Carballo, e que se incorpora ao equipo material do servizo de limpeza viaria, permite fregar grandes áreas con rapidez, xa que ten un diámetro de limpeza de 480 milímetros, e está equipado cun faldón de cerdas que atrapa os escombros. 

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, destacou a versatilidade do aparato, especialmente deseñado para actuar sobre asfalto, adoquín, cemento e outros materiais usados nas pavimentacións. Así mesmo, indicou que os operarios están a empezar a limpar pola parte alta das rúas Gran Vía e Vázquez de Parga e que irán avanzando ata completar todas as beirarrúas.

Compartir: