Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aurelio Núñez Centeno tomou...

Aurelio Núñez Centeno tomou posesión como concelleiro do Partido Popular en substitución de Miguel Ferreiro

O Concello de Carballo iniciou no pleno de marzo o proceso de adhesión á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Martes 28 de marzo do 2017 Carballo ao día

Aurelio Núñez xurou o cargo de concelleiro

Aurelio Núñez xurou o cargo de concelleiro

Aurelio Núñez Centeno tomou posesión como concelleiro do Partido Popular en substitución de Miguel Ferreiro e na mesma sesión estreouse coma voceiro do seu grupo. O tamén deputado autonómico xurou o cargo e recibiu os parabéns do alcalde, Evencio Ferrero, que lle deu a benvida “de novo” ao salón de sesións, e dos/as portavoces do resto dos partidos. Ao novo voceiro popular xa lle tocou estrearse defendendo unha moción para instar aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados a aprobar os orzamentos, pero, malia que suscitou o debate máis longo da sesión, a proposta foi rexeitada maioritariamente.

Todas as forzas políticas agás o PSOE aprobaron a conta de recadación do 2016, que reflicte o excelente comportamento da cidadanía, cunha porcentaxe de cobro superior ao 93% de media. Os socialistas foron tamén os únicos que non votaron a favor da revisión dos prezos correspondentes ao contrato de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que supón un aforro anual de 3.905,64 euros para as arcas municipais.

Reserva da Biosfera

Por unanimidade foi aprobada a declaración institucional para iniciar o proceso de adhesión á Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. As dúbidas que expresaran os grupos da oposición na comisión informativa da semana pasada quedaron despexadas antes do pleno nunha xuntanza na que participaron varios representantes da reserva, entre eles o seu presidente, José Antonio Santiso Miramontes. A voceira de TeGa, Estefanía Canosa, xustificou o voto a favor do seu grupo porque se trataba dunha declaración institucional que non supoñía ningunha obrigación nin ningún custe para o Concello de Carballo, pero avanzou que no momento en que se propoña formalizar a adhesión estarán en contra. O portavoz do BNG, Xosé Regueira, replicoulle que o Concello de Carballo non debe tomar unha decisión deste calado porque non custe nada, senón pola oportunidade que representa.

A adhesión á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas suporá, segundo recolle o texto do acordo, “situar a este territorio no mapa mundial; dar prestixio ao territorio, ás súas empresas e aos seus produtos; ampliar os mercados para os produtos, a través das marcas de calidade; recuperar as actividades económicas tradicionais, incentivar e fortalecer as iniciativas ligadas ao turismo sostible, xerar oportunidades de emprego ligadas ao aproveitamento dos recursos locais, acadar apoio internacional, estatal e rexional para iniciativas e proxectos ligados ao desenvolvemento sostible e a mellora ambiental, así como impulsar a mellora ambiental e a información sobre os recursos naturais”.

Seguimento de órganos de goberno

No apartado de seguimento de órganos de goberno deuse conta da liquidación do orzamento do 2016. O exercicio pechouse cun superávit de 1.884.649,94 euros, coa débeda bancaria a cero, cunha tesourería de 7.891.978,48 euros (850.000 máis que no ano 2015) e un remanente de tesourería para gastos xerais histórico, xa que acada os 7.602.903,76 euros, pero que non se pode incorporar ao orzamento deste ano polas limitacións estatais. E todo isto, ademais, cumprindo a regra de gasto por 88.690,29 euros.

O PP e Terra Galega formularon preguntas sobre cuestións diversas, desde a solicitude de apertura ao tráfico da rúa Colón ou a presenza de excrementos de can nas rúas ata as gratificacións ao persoal municipal ou o consumo das caldeiras de biomasa. A solicitude dunha veciña para intervir no pleno por un problema particular foi desestimada e o alcalde levantou a sesión.

Compartir: