Inicio Carballo ao día Hemeroteca A BDT do Concello de Carballo formará este...

A BDT do Concello de Carballo formará este ano a 58 persoas para que poidan optar aos certificados de profesionalidade

As probas de avaliación en competencias clave, convocadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, celebraranse o 13 de maio

Martes 28 de marzo do 2017 Carballo ao día

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo formará este ano a 58 persoas para que poidan presentarse nas mellores condicións ás probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para o 13 de maio. Deste xeito, as persoas, tanto ocupadas como desempregadas, que carecen da titulación esixida poderán optar aos certificados que acreditan a súa experiencia profesional.

A formación que ofrece a Concellaría de Promoción Económica ten como finalidade formar ás persoas participantes para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2, xa que para o de nivel 3 non se acadou o número mínimo de solicitudes durante o prazo de inscrición.

A acción formativa desenvolverase dende o 3 de abril ata o 12 de maio, de luns a venres, e debido ao elevado número de alumnos/as haberá dúas quendas: unha de mañá, de 9.30 a 13.30 horas, e outra de tarde, de 16.30 a 20.30 horas. Todos/as os/as participantes recibirán catro horas semanais de formación en competencia de Lingua Castelá, outras catro de Lingua Galega, 10 de Matemáticas e 2 de Lingua Inglesa.

O Concello de Carballo organiza dende hai catro anos cursos para preparar estas competencias clave e poder optar así aos certificados de profesionalidade. Ao longo deste tempo formamos dende a BDT un total de 267 persoas (no 2016 a porcentaxe de aprobados foi dun 87%), ás que se sumarán as 58 da actual convocatoria. Con esta formación o alumnado poderá optar con maior seguridade, confianza e preparación ás probas convocadas pola Xunta de Galicia mediante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se celebrarán o 13 de maio no recinto feiral de Silleda, en horario de mañá para o nivel 2. 

Compartir: