Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan a moi bo ritmo as obras de...

Avanzan a moi bo ritmo as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte, que estarán listas antes do San Xoán

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos realizan un seguimento diario dos traballos, financiados con cargo ao PAI da Deputación

Mércores 29 de marzo do 2017 Carballo ao día

As rúas Desiderio Varela e Ponte (na imaxe) serán de plataforma única

As rúas Desiderio Varela e Ponte (na imaxe) serán de plataforma única

As obras de mellora do espazo público que se desenvolven no centro urbano estarán rematadas antes do San Xoán. Foi unha das condicións pactadas polo Concello de Carballo coas empresas construtoras, e á vista do bo ritmo que levan os traballos, tanto na rúa Ponte coma na Desiderio Varela, semella que están a cumprir. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, realizan un seguimento diario das tarefas para coñecer calquera incidencia que poida rexistrarse e que poida agravar as molestias transitorias que, de por si, causan este tipo de actuacións urbanas.

O Concello de Carballo está a realizar nestas dúas vías un investimento de máis de 365.000 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. Na Desiderio Varela o principal problema estaba nos servizos soterrados, que están a ser renovados por completo e mesmo ampliados. Na superficie o obxectivo é darlle continuidade á intervención realizada na primeira fase, creando unha plataforma única cunha zona peonil de 2,50 metros, carril de circulación de 3,8 metros de ancho e área de protección de 2,85 metros na parte máis próxima ao xardín.

A demolición da esquina da antiga fábrica de Calvo permitirá construír unha rotonda

A demolición da esquina da antiga fábrica de Calvo permitirá construír unha rotonda

Co principal obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade, o goberno municipal tamén optou pola plataforma única para a rúa Ponte, onde xa se procedeu nos últimos días á demolición da esquina da antiga fábrica de Conservas Calvo para poder construír unha rotonda, que mellorará de forma substancial o tráfico nese complicado cruce. Ao longo dos 164 metros da vía, na que xa están practicamente rematadas as beirarrúas, habilítanse zonas de aparcamento, e ademais plantaranse varias árbores.

Compartir: