Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato para a execución da...

Asinado o contrato para a execución da senda peonil e ciclista entre Carballo e Bértoa

O convenio entre o Concello e a Xunta permitirá que a obra de urbanización vaia acompañada de todas as infraestruturas precisas

Xoves 30 de marzo do 2017 Carballo ao día

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, asistiu tamé á sinatura do contrato entre o alcalde e o representante da empresa

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, asistiu tamé á sinatura do contrato entre o alcalde e o representante da empresa

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da UTE Senda Bértoa, integrada polas empresas Lancer Proyectos y Obras S.A. e Viviendas y Obras Civiles S.A., asinaron este mediodía o contrato para a execución da parte da senda peonil e ciclista entre Carballo e Bértoa que será financiada con fondos municipais, e que se corresponde coa maior parte dos servizos soterrados. O resto da infraestrutura forma parte do Plan de Sendas de Galicia e foi adxudicado pola Xunta á construtora Canarga. Precisamente, e para evitar problemas pola presenza de dúas empresas diferentes na mesma obra, todas as partes chegaron a un acordo para dividila proporcionalmente, de maneira que a UTE Senda Bértoa realizará 300 metros, e Canarga, os restantes 700.

En total serán 1.000 metros de itinerario, dende a rotonda do cruce das rúas Gran Vía e Vázquez de Parga ata a de acceso ao polígono industrial de Bértoa. O obxectivo é facilitar a mobilidade de peóns e usuarios/as da bicicleta en condicións de seguridade.  A senda discorrerá pola marxe dereita da vía e terá 9 metros de ancho, que permitirán habilitar itinerario peonil, carril bici, franxa axardinada e, nas zonas nas que haxa espazo, aparcadoiros. A obra debe estar rematada este mesmo ano.

O Concello de Carballo pretende asinar un novo convenio coa Xunta de Galicia para acometer, posteriormente, a urbanización da outra marxe da estrada comarcal, pola que circulan a diario miles de vehículos.

Compartir: