Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato de xestión do ciclo...

Asinado o contrato de xestión do ciclo integral da auga, que suporá una redución das tarifas para os usuarios

A empresa concesionaria achegará ao Concello de Carballo un canon de 3 millóns de euros que se investirán en obras hidráulicas

Venres 31 de marzo do 2017 Carballo ao día

Representantes do Concello de Carballo e de Gestagua, durante a sinatura do contrato na Alcaldía

Representantes do Concello de Carballo e de Gestagua, durante a sinatura do contrato na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de explotación de Gestagua, Gonzalo Murillo, asinaron hoxe o contrato do servizo público do ciclo integral da auga, que terá unha vixencia de 20 anos e que garantirá a axeitada xestión das infraestruturas de auga e saneamento de todo o territorio municipal. No acto estiveron presentes tamén outros representantes da compañía; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e o de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Segundo manifestou o director de explotación da empresa, Gestagua centra a súa proposta de xestión no usuario, unha aposta que se reflicte no custe da tarifa. A partir de agora os carballeses e carballesas aboarán un prezo de 1,256 euros por metro cúbico, o que suporá un abaratamento nos recibos.

A empresa comprometeuse, así mesmo, a achegar ao Concello de Carballo un canon de tres millóns de euros en dous anos. Os dous primeiros millóns xa están ingresados dende principios de xaneiro, e a partir da sinatura do convenio xa poderán poñerse en marcha os procedementos de contratación das obras que se financiarán con eses cartos, entre elas as melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento urbanas e tamén novas redes de saneamento nas parroquias de Sofán, Rus, Entrecruces, Artes e Razo. A maiores, Gestagua acometerá unha serie de melloras nas instalacións municipais por valor de un millón de euros.

Compartir: