Inicio Carballo ao día Hemeroteca O director xeral da Policía Nacional...

O director xeral da Policía Nacional estará o luns en Carballo para coñecer as novas oficinas de tramitación do DNI

A posta en marcha do servizo foi moi ben acollida pola cidadanía, como puxo de manifesto a avalancha inicial

Sábado 1 de abril do 2017 Carballo ao día

As oficinas sitúanse na planta baixa da Casa do Concello, con acceso independente dende a rúa Cervantes

As oficinas sitúanse na planta baixa da Casa do Concello, con acceso independente dende a rúa Cervantes

Aínda que o servizo xa está en funcionamento dende hai uns días, a inauguración oficial da oficina da Policía Nacional para a tramitación de DNI, pasaporte e documentos de estranxeiría está prevista para o vindeiro luns 3 de abril ás 11 horas. Ata Carballo desprazaranse o director xeral da Policía Nacional, Germán López Iglesias; o subdelegado do Goberno en Galicia, Jorge Atán Castro; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Manuel Vázquez López, e o comisario provincial, que visitarán as instalacións acompañados polos membros da corporación municipal.

A oficina da Policía Nacional comezou a funcionar con moi boa acollida por parte da cidadanía, que valora dun xeito moi positivo a posta en marcha deste novo servizo en Carballo, e proba dilo foi a avalancha dos primeiros días. Ao longo dos últimos días pasaron polas dependencias da planta baixa da Casa do Concello centos de persoas, aínda que, por cuestións operativas e técnicas, non é posible atender a máis de 75 ao día.

A oficina da Policía Nacional xa está aberta ao público de forma permanente de luns a venres, de 9 a 14 horas, con tres postos de atención á cidadanía. En breve estará operativo o servizo de solicitude de cita previa a través de Internet, pero polo momento está dispoñible o número de teléfono 981 755 118. 

Compartir: