Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo acondiciona 133 novas...

O Concello de Carballo acondiciona 133 novas prazas de aparcamento en seis parcelas do casco urbano

A Concellaría de Obras e Servizos amplía as bolsas de estacionamentos nas zonas do Rego da Balsa, o Pazo da Cultura e o CEIP A Cristina

Luns 3 de abril do 2017 Carballo ao día

Nesta parcela, moi próxima ao Pazo da Cultura, hai espazo para 41 vehículos

Nesta parcela, moi próxima ao Pazo da Cultura, hai espazo para 41 vehículos

O Concello de Carballo sigue a ampliar os espazos de aparcamento gratuíto no casco urbano. A Concellaría de Obras e Servizos está a acondicionar nestes momentos 133 novas prazas en seis parcelas, que permitirán ampliar as bolsas de estacionamento nas contornas do Rego da Balsa, o CEIP A Cristina e o Pazo da Cultura. 

Nesta última zona, nun solar situado no cruce das rúas do Pan e A Cristina, están a traballar xa as máquinas e os operarios de Construcciones Dámaso Ferreiro, empresa adxudicataria das obras por un importe de 22.979,99 euros.

Os traballos consistirán en todos os casos na retirada de terra vexetal, a cementación, unha base de zahorra e o remate con zahorra e gravilla. Neste caso, ademais, procedeuse á poda dun carballo situado no límite entre o solar e a vía pública. O aparcamento do Pazo da Cultura terá capacidade para 41 vehículos. No mesmo ámbito urbano, para dar servizo tamén aos usuarios/as do CEIP  A Cristina e a estación de autobuses, haberá outro espazo de aparcamento para 14 automóbiles.

As outras catro parcelas sitúanse na contorna do Rego da Balsa, na que xa contamos coa bolsa de aparcamentos gratuítos máis grande do casco urbano, con máis de 600 prazas. Agora acondicionaranse outras 78.

Coas incorporacións destes novos espazos, que estarán listos en poucas semanas, a oferta de prazas en bolsas de aparcamentos gratuítos supera xa as 2.000, ás que se suman outras 500 da Zona Azul.

Compartir: