Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sae a licitación o contrato de...

Sae a licitación o contrato de xestión da estación de autobuses por un prazo de cinco anos, prorrogables por outros cinco

A conselleira de Infraestruturas e o director xeral de Mobilidade realizaron hoxe unha visita ás instalacións acompañados polo alcalde

Martes 4 de abril do 2017 Carballo ao día

Ignacio Maestro, Evencio Ferrero, Ethel Vázquez e Luis Lamas, durante a visita

Ignacio Maestro, Evencio Ferrero, Ethel Vázquez e Luis Lamas, durante a visita

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañou á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e ao director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, na visita que realizaron hoxe  á estación de autobuses. A visita coincidiu coa publicación do Diario Oficial de Galicia (DOG) do anuncio de licitación da explotación, por un prazo de cinco anos, prorrogable por outros cinco, da estación de autobuses en réxime de concesión. As empresas interesadas terán un prazo dun mes, a partir de mañá, para presentar as súas ofertas.

A responsable de Infraestruturas indicou que a Xunta está a facer unha forte aposta pola promoción do transporte público, e nesta liña enmárcanse as reformas acometidas recentemente na estación de Carballo, na que se investiron 60.000 euros para mellorar os aseos, a iluminación, o portal de peche ou a sinalización.

Plnn de transporte metropolitano

A estación de autobuses rexistra 230.000 viaxeiros/as ao ano, máis da metade con destino á Coruña

A estación de Carballo, segundo os datos ofrecidos por Ethel Vázquez, rexistra arredor de 230.000 viaxeiros ao ano, dos cales máis do 50% teñen como destino A Coruña. Desde hai ano e medio o Concello de Carballo está incorporado ao Plan de transporte metropolitano da área da Coruña, o que permitiu bonificar arredor de 270.000 billetes dos seus veciños. A isto hai que sumarlle a tarxeta Xente Nova, que xa está a permitir que 500 menores de 19 anos deste municipio poidan realizar os desprazamentos interurbanos gratis.

Este plan social da Xunta supón aforros medios de arredor de 600 euros ao ano no caso de usuarios frecuentes. Por exemplo, permite que un veciño de Carballo poida facer os seus desprazamentos habituais ata a cidade da Coruña a un prezo reducido de 3,13 euros fronte aos 4,53 que tiña que aboar antes, ademais de facer os desprazamentos internos, na propia cidade coruñesa, a un prezo de 0,85 euros.

As autoridades fixeron un percorrido completo polas instalacións

As autoridades fixeron un percorrido completo polas instalacións

Ethel Vázquez fixo fincapé en que a Xunta ten en marcha un proceso de reordenación do mapa de transporte de viaxeiros que permitirá ofrecer unha mellor cobertura territorial, especialmente no rural, levando o autobús alí onde sexa preciso e cando sexa preciso. Neste sentido, concretou que este proceso terá unha importancia estratéxica en comarcas como a da Costa da Morte, cun elevado grao de dispersión da poboación, garantindo cobertura máxima do transporte público tamén nos concellos máis pequenos, máis dispersos e máis rurais de Galicia.

Ligazóns

Compartir: