Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello e Deputación asinan un convenio...

Concello e Deputación asinan un convenio para investir 164.793 euros na mellora da rede viaria do polígono de Bértoa

Evencio Ferrero e Xosé Regueira formalizaron hoxe o acordo entre ámbalas institucións, que tamén destinan 146.000 euros ás zonas verdes e os aparcamentos do parque empresarial

Martes 4 de abril do 2017 Carballo ao día

Xosé Regueira e Evencio Ferrero simbolizaron cun apertón de mans o convenio entre as dúas institucións

Xosé Regueira e Evencio Ferrero simbolizaron cun apertón de mans o convenio entre as dúas institucións

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro e deputado provincial de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira, asinaron hoxe un convenio de cooperación entre ámbalas institucións que fará posible un investimento de 164.793,25 euros na mellora da rede viaria do polígono industrial de Bértoa.

O investimento foi aprobado no último pleno da corporación provincial. A Deputación achegará o 80% do financiamento, e o Concello, o 20% restante.  O proxecto consistirá na reparación e posterior pavimentación de varias vías na primeira fase do polígono, concretamente nas rúas Cobre (758,91 m.), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha lonxitude total de 3,62 quilómetros.

As obras levaranse a cabo nas rúas Cobre, Bronce, Lousa, Titanio, Ferro e Estaño, cunha lonxitude total de 3,62 quilómetros

O firme destas rúas está actualmente deteriorado debido ás obras de instalación de servizos realizadas recentemente na zona, que precisaron da apertura de gabias transversais e lonxitudinais, ao que se suma o desgaste ocasionado polo constante tráfico de vehículos pesados e o paso do tempo.

As obras consistirán no fresado e reparación das gretas, fisuras, e fochancas existentes e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona. Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Zonas verdes e aparcamentos

Co mesmo sistema de financiamento compartido, e grazas a outro convenio, o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña tamén acometerán o acondicionamento da zona verde e dos aparcamentos do polígono, cun investimento de 146.488 euros.

Ese compromiso total de máis de 300.000 euros representa, en palabras do alcalde de Carballo, unha mostra do compromiso das institucións local e provincial co desenvolvemento económico do municipio.

Compartir: