Inicio Carballo ao día Hemeroteca 55 persoas están a formarse xa no...

BDT CARBALLO

55 persoas están a formarse xa no Fórum Carballo nas competencias clave para optar aos certificados de profesionalidade

O alcalde animounas a aproveitar a formación para poder atopar emprego ou mellorar a súa situación laboral

Mércores 5 de abril do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, ao fondo, xunto á profesora e ao concelleiro Luis Lamas

O alcalde de Carballo, ao fondo, xunto á profesora e ao concelleiro Luis Lamas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, deu a benvida aos alumnos e alumnas que están a formarse nas competencias clave para optar aos certificados de profesionalidade. Son 55 persoas, divididas en dúas quendas, que teñen moi claro que precisan unha titulación que lles permita acreditar a súa experiencia, mellorar a súa situación laboral e, en moitos casos, retomar os seus estudos. O alcalde animounos a aproveitar a formación que lles ofrece a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo de forma gratuíta, e expresou unha vez máis o compromiso da Concellaría de Promoción Económica e do goberno municipal coa formación e o emprego.

O obxectivo do curso organizado pola BDT por cuarto ano consecutivo é formar ás persoas participantes para que poidan presentarse nas mellores condicións ás probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para o 13 de maio. As clases, de feito, prolongaranse ata a véspera do exame, que se celebrará no recinto feiral de Silleda.

Todos/as os/as participantes recibirán catro horas semanais de formación en competencia de Lingua Castelá, outras catro de Lingua Galega, 10 de Matemáticas e 2 de Lingua Inglesa. Con esta formación o alumnado poderá optar con maior seguridade, confianza e preparación ás probas convocadas pola Xunta de Galicia para obter o certificado de profesionalidade de nivel 2.

Compartir: