Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha auditoría enerxética revela...

Unha auditoría enerxética revela que as empresas do polígono poden aforrar case 130.000 euros ao ano implantando tecnoloxía más eficiente

A asociación de empresarios As Eiroas realizou, grazas á colaboración do Concello, un estudo do consumo de electricidade e combustibles, que supera os seis millóns de quilovatios/hora ao ano

Xoves 6 de abril do 2017 Carballo ao día

De esquera a dereita, Iván Andrade, Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Antonio Gómez e Juan Fernández

De esquera a dereita, Iván Andrade, Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Antonio Gómez e Juan Fernández

Unha auditoría enerxética encargada pola asociación de empresarios As Eiroas, cunha subvención do Concello de Carballo, revela que no polígono industrial de Bértoa existe un potencial de aforro “moi importante” en iluminación e climatización. Esta é unha das conclusións destacadas por Iván Andrade, xefe de proxectos da empresa Energal, que realizou o estudo de consumos nas 32 empresas (das 162 que hai en total) que voluntariamente quixeron participar. Os resultados déronse a coñecer hoxe, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o presidente e o secretario da asociación As Eiroas, Antonio Gómez Caamaño e Juan Carlos Fernández, respectivamente.

O consumo enerxético actual do polígono industrial de Bértoa equivale ao de 793 fogares

Os técnicos visitaron as 32 empresas e realizaron un inventario exhaustivo dos equipamentos eléctrico e técnico, en xeral pouco eficiente no que respecta á iluminación e obsoleto en canto aos sistemas de climatización. Deste xeito, o consumo enerxético anual no polígono de Bértoa acada os 6.093.743 quilovatios/hora, o que equivale ao consumo de 793 fogares e representa un custe anual de 731.689,21 euros. A auditoría de Energal revela que a implantación de tecnoloxía máis eficiente permitiría reducir o consumo en algo máis de un millón de quilovatios ao ano, o que representaría un aforro económico de 129.724,10 euros (un 17,73%), e dende o punto de vista medioambiental deixaríanse de emitir 419,44 toneladas de CO2.

Un aforro anual de 800 euros por empresa

Segundo as estimacións ofrecidas hoxe, os investimentos que terían que facer as empresas para acadar eses obxectivos estarían amortizadas nun prazo de 5-6 anos. O consumo medio en cada nave sitúase en 37.634 quilovatios/hora, que supón un gasto de 4.516,11 euros. Aplicando as medidas previstas nos informes individuais que se entregarán ás empresas participantes (basicamente cambios de iluminación, climatización das oficinas e axustes no proceso de traballo), poderían reducir a factura anual en 800,77 euros de media.

No polígono industrial de Bértoa traballan 1.800 persoas, segundo o censo que está a elaborar a asociación de empresarios

Os representantes da asociación As Eiroas manifestáronse moi satisfeitos co traballo realizado e agradeceron a colaboración do Concello para poder acometelo.

Así mesmo, indicaron que tamén se está a elaborar un censo de traballadores/as do polígono de Bértoa, que ronda “os 1.800 postos de traballo reais”, segundo asegurou o presidente. O alcalde de Carballo destacou a “sensibilidade” da patronal e a súa preocupación por mellorar a eficiencia e a competitividade das empresas do polígono de Bértoa, ademais de destacar o importante aforro de medidas como as implantadas polo propio Concello en instalacións deportivas e iluminación pública. “Os incrédulos cuestionaban o aforro, pero agora vese na factura que era verdade, e que o consumo reduciuse un 80%”, declarou Evencio Ferrero.

Compartir: