Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello inviste 143.000 euros na...

O Concello inviste 143.000 euros na implantación da administración electrónica, que facilitará e fará máis transparentes os procesos administrativos

O alcalde asinou o contrato coa empresa Indra Sistemas S.A., que disporá dun ano para a implantación do sistema, a formación do persoal e a migración de datos

Venres 7 de abril do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo dá un paso importante cara a administración electrónica mediante a implantación do sistema TEDEC/AL-SIGM, baseado nos procedementos utilizados pola Deputación da Coruña, e que facilitará os procesos administrativos, ademais de facelos máis transparentes. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato coa empresa Indra Sistemas S.A., que resultou adxudicataria do contrato por un importe de 142.909,03 euros.

O Concello de Carballo avanza, por unha banda, no cumprimento da nova lei do procedemento administrativo común, que entrou en vigor o 2 de outubro de 2016 e que supón un decidido paso adiante na aplicación das novas tecnoloxías na administración pública. A lei trae consigo un profundo cambio nos procedementos, modos de traballo e atención á cidadanía, dotándoa duns dereitos de acceso á información que lle pertencen e que están en poder das administracións e outorgándolle novos medios de acceso e comunicación coa administración.

O sistema TEDEC/AL-SIGM permitirá complementar o actual sistema tecnolóxico impulsando a modernización da administración local, axilizando as relacións coa cidadanía e reducindo custos

Para cumprir a lei, o Concello de Carballo debe achegar os medios e sistemas electrónicos que garantan o dereito cidadán en condicións de seguridade, accesibilidade e multicanalidade, e o sistema TEDEC/AL-SIGM permitirá complementar o actual sistema tecnolóxico, impulsando a modernización da administración local, mellorando os servizos de xestión, incorporando un sistema de información para a xestión dos expedientes e documentos electrónicos capaz de xestionar todos os procesos internos, simplificando o desenvolvemento de procesos administrativos municipais, mellorando a interoperatividade cos sistemas doutras administracións, axilizando as relacións coa cidadanía a través de novas canles de comunicación bidireccionais e reducindo custos.

O contrato asinado hoxe inclúe a instalación do xestor de expedientes TEDEC/AL-SIGM, a implantación da tramitación electrónica de procedementos administrativos seguindo o modelo da Deputación da Coruña, un plan de formación para os empregados municipais de 550 horas, a migración dos datos existentes ao novo xestor e a colaboración na instalación da sede electrónica do Concello de Carballo sobre a plataforma de administración electrónica municipal que a Deputación da Coruña ten a disposición dos concellos, polo que os traballos realizaranse de forma coordinada entre ámbalas administracións. O prazo de execución é dun ano.

Compartir: