Inicio Carballo ao día Hemeroteca O comercio carballés saca partido da...

O comercio carballés saca partido da formación personalizada que lle ofrece a Concellaría de Promoción Económica

15 establecementos participan nun curso totalmente individualizado e que se imparte nos propios comercios

Mércores 12 de abril do 2017 Carballo ao día

O tratamento dos escaparates é un dos apartados do curso

O tratamento dos escaparates é un dos apartados do curso

Quince profesionais participan no último curso de comercio organizado pola Concellaría de Promoción Económica, unha iniciativa absolutamente innovadora tanto polo seu desenvolvemento, xa que a formación é personalizada e adaptada ás necesidades de cada establecemento, como polo feito de que as sesións formativas se desenvolvan nas propias tendas. O obxectivo é seguir achegando ao sector as ferramentas precisas para mellorar a súa competitividade e que Carballo siga sendo unha vila de referencia polo seu comercio.

Mario Szabat, un profesional de recoñecida experiencia, ten o cometido de ofrecer a formación presencial e orientada a cada comercio segundo as súas necesidades. “Uns necesitan unhas estratexias e outros, outras”, sinala. Deste xeito, nuns casos trabállase máis o produto e noutros o sistema de compras, a implantación da tenda ou o escaparate. Pero en todos os casos a actividade formativa inclúe un estudo da contorna, da competencia, os clientes, o negocio e o seu funcionamento. A partir de aí elabórase unha estratexia global en función das necesidades do/da comerciante, definindo pautas a seguir e a súa posta en marcha. E a posteriori realizarase unha análise da evolución e dos resultados acadados. 

Despois de traballar con 11 establecementos, a estas alturas xa se nota dende o exterior das tendas por onde vai pasando Mario Szabat. Despois da Semana Santa visitará os 4 locais restantes. Dende o seu punto de vista, o comercio carballés mellorou nos últimos anos, e precisamente o obxectivo deste tipo de iniciativas é que se siga actualizando. Entre as ferramentas que a Concellaría de Promoción Económica pon a disposición do sector tamén figura o selo Carballo Compromiso Calidade, que está en fase de implantación.

Compartir: