Inicio Carballo ao día Hemeroteca Últimos días para participar no...

Últimos días para participar no proceso de contratación de fontaneiros/as para traballar en Holanda

A selección podería realizarse en Carballo en función do número de candidatos da zona ás 30 prazas que ofrece a empresa

Sábado 15 de abril do 2017 Carballo ao día

Entre o luns e o martes pecharase a admisión de candidatos/as para o proceso de contratación de profesionais da fontanería para traballar en Holanda. A oferta chegou á Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo a través dunha empresa daquel país que selecciona 30 postos de fontaneiro/a para unha empresa da construción, un sector en auxe en Holanda que precisa de man de obra cualificada, sobre todo en instalación de calefacción. Neste caso demandan fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, aínda que non é imprescindible, deben saber manexarse en inglés. 

Segundo informou o representante da empresa que se puxo en contacto coa BDT, despois de localizar o servizo grazas ás redes sociais, os contratos iniciais serán de 4 meses de duración. A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento como de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

Persoal da empresa tiña previsto desprazarse a vindeira semana á cidade da Coruña para realizar a selección, pero en función do número de candidatos/as o proceso podería desenvolverse en Carballo. A BDT xa ten varias persoas inscritas, incluído un veciño de Ciudad Real que localizou o servizo tamén a través de Internet, pero as persoas interesadas aínda poden anotarse, ben no 2º andar do Fórum Carballo ou ben a través do número de teléfono 981 709 011.

Compartir: