Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde reitera o compromiso do goberno coa...

O alcalde reitera o compromiso do goberno coa formación na visita aos alumnos do 1º curso de metal organizado polo Concello

15 persoas están a especializarse, nas instalacións do Fórum Carballo, para optar aos postos máis demandados polas empresas do sector

Luns 17 de abril do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitou aos 15 alumnos que están a formarse no Fórum Carballo para acceder aos postos máis demandados polas empresas do metal. Precisamente o curso, o primeiro organizado directamente polo Concello de Carballo, está avalado polas principais empresas do sector: Grupo Caamaño, Grupo Alumán, Formas Inoxman e Mantiñán Lestayo. As catro figuran entre as usuarias da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, á que recorren con frecuencia para captar profesionais cualificados para desenvolver actividades de fabricación e montaxe de estruturas, carpintería e caldeirería, revestimentos e infraestrutura, chapa fina para fabricación de mobles de almacenaxe e exposición, rotulación, cartelería e adhesivos, entre outros. E, de feito, ese tipo de traballos forman parte do programa formativo do curso que se está a impartir en Carballo, co obxectivo de facilitar a inserción ou a mellora laboral dos participantes. 

Evencio Ferrero reiterou o compromiso do goberno municipal coa formación orientada ao emprego, e o curso de metal é unha mostra dese compromiso. O Concello de Carballo aposta pola formación propia e de calidade para impulsar a empregabilidade, ou tamén a mellora das condicións laborais, dos traballadores dun sector con tan boas perspectivas de futuro coma o metal. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e o volume de ofertas que recibe a Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, cun total de 40 postos no último ano, confírmao.

O alcalde e o concelleiro conversaron cos alumnos e co monitor, José Manuel Formoso Corral, que lles amosou algúns dos traballos realizados xa dende que comezou o curso, o pasado 7 de marzo. En total serán 616 horas de formación, 100 delas en prácticas en empresas.

Compartir: