Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo e os apicultores coordinan...

O servizo municipal de control de pragas retirou o ano pasado 249 niños

O Concello de Carballo e os apicultores coordinan esforzos para loitar contra a invasión da vespa velutina

No 2016 os primeiros niños primarios apareceron en maio. Este ano adiantáronse case dous meses

Martes 18 de abril do 2017 Carballo ao día

Exemplar de raíña capturado en Sísamo

Exemplar de raíña capturado en Sísamo

A vespa velutina está causando estragos na produción apícola do noso concello. En Carballo hai máis de cen apicultores que forman parte dalgunha das asociacións do sector, e a invasión da especie asiática está reducindo as colmeas dun xeito alarmante. De feito, a produción de mel xa diminuíu en máis dun 50 %.

O Concello de Carballo, a través do servizo municipal de control de pragas, está a traballar de forma coordinada cos apicultores para intentar frear a incidencia da velutina, aínda que ámbalas partes recoñecen que é moi difícil. Para empezar, porque a aparición dos niños primarios ou provisionais prodúcese cada vez máis cedo. O ano pasado o primeiro foi detectado o 25 de maio. Este ano xa apareceron case dous meses antes. Cando isto ocorre ponse en marcha un equipo de traballo, integrado por persoal do servizo de control de pragas e apicultores, que acoden ao lugar no que se atopa o niño para retiralo antes de que as larvas eclosionen e frear deste xeito a propagación.

Membros do equipo de traballo, co concelleiro Luis Lamas

Membros do equipo de traballo, co concelleiro Luis Lamas

O obxectivo non semella doado, malia todos os medios (a Xunta de Galicia tamén colabora mediante a cesión de material) que se están poñendo. O ano pasado, dende o 25 de maio ata o 30 de decembro, o servizo municipal de control de pragas retirou 249 niños. Poden aparecer en calquera lugar, pero normalmente preto dos ríos. De feito, toda a zona da Férveda de Entrecruces é unha das que rexistra maior proliferación. Ao longo de toda a canle do río Taboada, e tamén nas zonas costeiras, actúa con maior frecuencia os servizo de control de pragas.

Nesta época o traballo céntrase na retirada dos niños primarios. É a época máis importante, porque cantos máis se eliminen menos vespas haberá. Ao mesmo tempo colócanse trampas nas zonas afectadas. No 2016 foron un total de 100, distribuídas por todo o territorio, e permitiron a captura de 1.654 exemplares de velutina. Este ano todos os expertos auguran que será peor.

As persoas que detecten a presenza dun niño de vespa velutina poden poñerse en contacto co servizo municipal de control de pragas  chamando ao 981 754 699.

Vídeos

Compartir: