Inicio Carballo ao día Hemeroteca Vinte mozas e mozos fórmanse nun curso...

Vinte mozas e mozos fórmanse nun curso organizado pola Cámara de Comercio coa colaboración do Concello

A acción abrangue técnicas de busca de emprego e formación específica sobre comercio e cociña

Xoves 27 de abril do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, visitaron aos 20 mozos e mozas que participan nun curso organizado pola Cámara de Comercio, en colaboración co Concello, e que ten como finalidade mellorar a súa empregabilidade de menores de 30 anos que estean inscritos no Ficheiro Nacional de Garantía Xuvenil, en situación de desemprego e dados de alta no PICE (Plan Integral de Cualificación e Emprego) das cámaras de comercio.

O alcalde e o concelleiro de Promoción Económica, coa docente do curso

O alcalde e o concelleiro de Promoción Económica, coa docente do curso

A acción formativa, que se desenvolve no Fórum Carballo, abrangue tres áreas. En primeiro lugar trátase de mellorar e actualizar as técnicas de busca de emprego, que é o apartado máis teórico. Pero o curso será eminentemente práctico, con 60 horas de formación específica sobre comercio e outras tantas de cociña, que se desenvolverán nas instalacións da Escola de Hostalaría. 

O concelleiro de Promoción Económica animou as mozas e mozos a “aproveitar o curso” de cara á consecución do obxectivo final, que é a integración laboral, e destacou que as instalacións do Fórum Carballo están dispoñibles para todo tipo de actividades relacionadas coa formación e o emprego. Nese sentido, o alcalde agradeceu á Cámara de Comercio que utilice o edificio para programar formación, e manifestou a súa esperanza de que tanto este curso, como o resto das accións formativas que se desenvolven no Fórum, contribúan á mellora das capacidades dos e das participantes e, en consecuencia, á súa inserción no mercado do traballo. Evencio Ferrero convidounos tamén a facer chegar ao Concello de Carballo as súas propostas en materia de formación.

Compartir: