Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación da Coruña reforza a...

A Deputación da Coruña reforza a sinalización na travesía de Oza tras as peticións do Consello Parroquial

A mellora da seguridade viaria foi una das prioridades marcadas pola veciñanza

Sábado 29 de abril do 2017 Carballo ao día

A mellora da seguridade viaria na estrada de Carballo a Razo foi una das prioridades marcadas pola veciñanza na primeira xuntanza do Consello Parroquial de Oza. Xa nesa sesión o alcalde informoulles das reticencias da Deputación da Coruña á construción de pasos de peóns elevados, como propoñían os veciños e veciñas, pero volveu a transmitir por carta ao organismo provincial as demandas veciñais e a necesidade de adoptar medidas para evitar que os vehículos sigan circulando a gran velocidade pola travesía de Oza, na que se teñen producido numerosos accidentes. Non hai pasos elevados, pero a Deputación vén de reforzar a sinalización horizontal en ámbalas dúas direccións con dous grandes sinais de prohibición de circular a máis de 50 quilómetros por hora que ocupan boa parte do carril.

O Consello Parroquial de Oza volverá a reunirse o 13 de xuño para facer balance das accións realizadas dende a primeira xuntanza e presentar novas propostas. Polo momento xa se teñen amañado boa parte dos pequenos problemas expostos pola veciñanza, e dende o goberno municipal de Carballo continúase a traballar para atender, na medida do posible, as demandas tanto dos habitantes de Oza como dos das outras 16 parroquias rurais.

Compartir: