Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arranca o proceso de elaboración da...

Arranca o proceso de elaboración da estratexia de mellora do espazo público, no que terá gran peso a participación social

Evencio Ferrero asinou o contrato coa UTE Iplan Movilidad SL – Tema Ingeniería SL, que dispón de 18 meses para trazar as grandes liñas das actuacións futuras

Mércores 3 de maio do 2017 Carballo ao día

O goberno municipal quere acertar no deseño do Carballo do futuro, e con ese obxectivo pon en marcha o proxecto de formulación da estratexia de mellora e xestión  do espazo público urbano, un documento que servirá de referencia para as vindeiras actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade. De trazar as grandes liñas encargarase a UTE Iplan Movilidad SL – Tema Ingeniería SL, que presentou o proxecto mellor valorado polos técnicos no concurso público convocado a tal efecto; pero o obxectivo da Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana é que o mapa do Carballo do futuro sexa froito da reflexión conxunta da cidadanía. Por iso, no traballo que agora arranca terá un peso moi importante a participación veciñal.

En todo este proceso será fundamental a participación de diferentes servizos municipais e de distintos colectivos sociais para intentar deseñar a mellor estratexia de actuación posible

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato cos representantes da UTE, e inmediatamente despois tivo lugar unha primeira toma de contacto con parte do equipo municipal que colaborará coa empresa no desenvolvemento da estratexia, e do que formarán parte, ademais da concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, o arquitecto municipal Alfredo Garrote, que será o coordinador, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.

A sinatura do contrato tivo lugar na Alcaldía

A sinatura do contrato tivo lugar na Alcaldía

O contrato terá unha duración de 18 meses, e desenvolverase entre este ano e o 2018. A empresa adxudicataria terá que axustarse a un cronograma e ás fases establecidas dende a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana. Deste xeito, a primeira parte do traballo consistirá nun detallado traballo de análise e diagnóstico da situación actual (patróns de mobilidade, tráfico pesado, zonas de aparcamento, mobilidade peonil, estado das infraestruturas, etc) a partir do cal se formularán as propostas de actuación. A información recompilada poñerase a disposición da cidadanía para acadar a súa implicación no deseño das medidas concretas. Das conclusións extraídas destas dúas primeiras fases de traballo sairá a estratexia de actuación, cun plan director que marque as liñas de investimento do Concello de Carballo. Este documento final será de novo obxecto de exposición e concertación coa veciñanza, xa que a participación veciñal é un obxectivo clave de todo o proceso.

A divulgación, o seguimento e o control da estratexia serán os últimos pasos do proceso, co que pretendemos seguir avanzando cara a consecución dun contorna urbana cada vez máis habitable e de maior calidade ambiental dende todos os puntos de vista e na creación de novas sinerxias entre ou urbano e ou rural que contribúan á dinamización e ao asentamento de poboación nas parroquias rurais. En todo este proceso será fundamental a participación de diferentes servizos municipais e  de distintos colectivos sociais para intentar deseñar a mellor estratexia de actuación posible.

Compartir: