Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello e Xunta colaboran para mellorar a...

Concello e Xunta colaboran para mellorar a mobilidade peonil e ciclista entre a vila de Carballo e o polígono de Bértoa

O alcalde e a conselleira de Infraestruturas visitaron as obras da nova senda da AC-552 e abordaron a posibilidade de urbanizar a outra marxe da estrada

Venres 5 de maio do 2017 Carballo ao día

Coincidindo co inicio das obras, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañados por concelleiros, técnicos e representantes das empresas construtoras, realizaron unha visita á futura senda que conectará a vila carballesa co parque empresarial de Bértoa pola marxe dereita da AC-552, unha actuación que aposta por unha mobilidade “sostible e alternativa”, en palabras de Ethel Vázquez, e que ademais convértese no exemplo de que “coa colaboración entre institucións é posible sacar adiante proxectos importantes”. A conselleira explicou que o proxecto inclúe a construción dunha senda peonil, un carril bici, unha zona axardinada e aparcamentos, “totalmente diferenciados”, ademais da instalación de todos os servizos soterrados e da reposición dos peches afectados.

Para o alcalde de Carballo a valoración da obra só pode ser “altamente positiva. Empezar a actuar nunha travesía con tanta intensidade de uso era unha necesidade –declarou-, e se ademais se lle dá un tratamento tan nobre como o presentado pola conselleira, eu creo que vai ser valorado moi positivamente por parte de todos os usuarios. E despois quedará pendente outra cuestión, que é a outra marxe, para rematar a travesía na súa totalidade e que pase a ser, sen ningún problema, de titularidade municipal”. Evencio Ferrero, de feito, xa lle presentou esa proposta a Ethel Vázquez, e onte mesmo acordouse que o Concello de Carballo empezará xa coa elaboración do proxecto de urbanización da marxe esquerda.

O proxecto abrangue un traxecto de 1.000 metros, entre os puntos quilométricos 29+400 e 30+480, dende a rotonda do cruce das rúas Gran Vía e Vázquez de Parga ata a de acceso ao polígono industrial de Bértoa. O investimento supera o millón de euros, pero, como sinalou o alcalde, “esta entrada, que é a entrada principal dende A Coruña, vai agradecer este esforzo por parte da Consellería e do Concello”. O prazo de execución é de seis meses, polo que a senda estará transitable antes de que remate o ano.

Vídeos

Compartir: