Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno dá o primeiro paso para...

A Xunta de Goberno dá o primeiro paso para a elaboración do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Razo

O documento abordará a ordenación integral dun ámbito de máis de 300.000 metros cadrados

Luns 8 de maio do 2017 Carballo ao día

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que entrou en vigor o ano pasado, a ordenación dos dous principais núcleos costeiros -Arnados e Pedra do Sal- quedou supeditada á elaboración posterior de cadanseu plan especial, unha tarefa que debe acometer o Concello de Carballo. A Xunta de Goberno Local deu hoxe o primeiro paso, coa aprobación do expediente de contratación da redacción do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados (Razo), e en breve iniciarase tamén o procedemento de licitación do plan correspondente á zona de Baldaio.

Ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito

O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Neste sentido, o estudo servirá para delimitar as áreas susceptibles de acoller, por exemplo, aparcamentos, actividades deportivas, instalacións turísticas compatibles ou accesos ás praias. O obxectivo do Concello de Carballo é que de forma simultánea se realice tamén un estudo de detalle da fachada litoral de Arnados.

O proceso de elaboración do plan especial é complexo, tanto polo exhaustivo do seu contido como pola propia tramitación administrativa. O procedemento será semellante ao de elaboración do PXOM, xa que require informe de avaliación ambiental, informes sectoriais das Administracións competentes, aprobación inicial, período de exposición e alegacións, etc... O Concello de Carballo establece para a redacción do plan un máximo de 25 meses, ao longo dos cales terán especial importancia os procesos de participación e información pública.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza deste luns 8 de maio tres convenios de colaboración con outras tantas entidades deportivas: coa Escola Basket Xiria para a financiación do 5º Día do Pequebasket, con Altetismo Carballo para a carreira De dous en dous, e co Bergantiños Fútbol Club para a participación en competicións deportivas de nove equipos federados.

Tamén foron aprobadas as bases do sorteo correspondente á campaña “Quere o teu mercado”, vaos e licenzas. En materia de contratación, ademais do plan especial de Arnados iniciouse de novo, despois de que o procedemento anterior quedara deserto, o expediente relativo aos servizos de formación en cociña. A Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo á prorroga do contrato do servizo de limpeza e mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e a dúas adxudicacións: a reparación das vías secundarias das parroquias de Lema e Rebordelos á empresa local Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 101.882 euros, e a asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) á empresa Aquelar, por 20.992,43 euros para os dous anos de duración inicial do contrato.

Compartir: