Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ampla participación nas Xornadas...

Ampla participación nas Xornadas Empresariais de Bergantiños, inauguradas polo concelleiro de Promoción Económica

A iniciativa promovida por Eurogabinete continuará o xoves 11 cunha xornada centrada nas oportunidades de negocio e na supervivencia das empresas

Luns 8 de maio do 2017 Carballo ao día

Antonio Álvarez e Xosé Regueira

Antonio Álvarez e Xosé Regueira

Antonio Álvarez González, director das Xornadas Empresariais de Bergantiños e socio fundador da empresa Eurogabinete, e Xosé Regueira Varela, concelleiro de Promoción Económica, inauguraron hoxe no Fórum Carballo a segunda edición dun foro de encontro e posta en común das cuestións que afectan á actividade empresarial a nivel xeral e na nosa contorna en particular.

Máis de 100 persoas participaron nesta xornada inaugural, que arrancou cunha interesante mesa redonda sobre as perspectivas económicas de Galicia e as oportunidades para o emprendemento. Despois do debate e dun breve descanso celebráronse dúas conferencias máis centradas en cuestións legais.

O salón de actos do Fórum encheuse ao longo da tarde

O salón de actos do Fórum encheuse ao longo da tarde

As Xornadas Empresariais de Bergantiños continuarán o xoves 11, neste caso cunha serie de intervencións que tratarán de achegar ás persoas participantes as claves da supervivencia das empresas nun entorno en continua transformación, a xestión do talento e as novas oportunidades de negocio que ofrece o comercio electrónico. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que hoxe asistiu como espectador, será o encargado de clausurar a iniciativa xunto a Antonio Álvarez, que sitúa como principal obxectivo destas xornadas intentar reducir o elevado número de empresas que pechan cada ano.

Compartir: