Inicio Carballo ao día Hemeroteca Formalizada a compravenda da casa situada no...

Formalizada a compravenda da casa situada no cruce da avenida das Flores e a rúa Fábrica, que será derrubada para ampliar o espazo público

O mural do buzo será pintado de novo noutra parede da mesma zona

Martes 9 de maio do 2017 Carballo ao día

O inmoble situado no cruce da avenida das Flores e a rúa Fábrica xa é propiedade do Concello de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o anterior dono da edificación formalizaron hoxe ante notario a escritura pública de compravenda por un importe de 49.329,76 euros. Agora procederase á inclusión da finca no Inventario Municipal de Bens.

A adquisición da parcela está incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de incorporala ao sistema xeral viario. A casa ten unha superficie de 60 metros cadrados, que, unha vez derrubada, permitirán ampliar o espazo público e mellorar a mobilidade nese ámbito.

Unha das particularidades da edificación é que foi utilizada no seu momento como soporte para un dos murais do proxecto de arte urbana que está a desenvolver o Concello de Carballo. Pero o derrubo da casa non significará a desaparición permanente do mural do buzo, xa que volverá a pintarse a ser posible na medianeira que quede tras a demolición ou, en todo caso, noutra parede do mesmo ámbito.

Compartir: