Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo de axuda no fogar realizou o ano pasado...

O servizo de axuda no fogar realizou o ano pasado máis de 33.000 horas para atender as necesidades de 120 usuari@s

O Concello de Carballo conta con 14 auxiliares e cunha empresa externa contratada para cubrir fins de semana, festivos e permisos do persoal propio

Martes 9 de maio do 2017 Carballo ao día

A atención á dependencia é unha prioridade para o Concello de Carballo. Por iso, dende á área de Igualdade e Benestar préstase especial importancia ao servizo de axuda no fogar (SAF), que, como explica a concelleira Maica Ures, con respecto a outras prestacións que se realizan dende o seu departamento “ten a particularidade de que calquera ausencia, aínda que sexa só dunha hora, é cuberta, o que require unha organización previa e, por suposto, supón un incremento no custo do servizo”. De feito, o prezo medio de mercado dunha hora de luns a sábado é de 15 euros, e os domingos e festivos acada os 16,5 euros.

O Concello de Carballo prestou o ano pasado un total de 33.037,98 horas de axuda no fogar para atender as necesidades de 120 persoas. A maior parte son dependentes (un total de 86), e requiren tamén do maior número de horas: 31.368,67, fronte ás 1.669,31 dos 34 usuarios de libre concorrencia.

A Concellaría de Igualdade e Benestar dispón dun equipo de 14 auxiliares de axuda no fogar que traballan de luns a venres. Pero ademais do persoal propio, o Concello de Carballo recorre aos servizos dunha empresa externa para ofrecer unha cobertura completa de luns a domingo e os días festivos. Precisamente nestes momentos o Concello de Carballo está preparando a licitación deste servizo externo para ter garantida a atención ás persoas dependentes durante os vindeiros catro anos.

A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, facendo posible deste xeito que permanezan na súa contorna, potenciando a súa autonomía, mellorando as redes de relación familiar e social e previndo situacións de exclusión social. O servizo pretende apoiar á familia na súa responsabilidade de atención aos membros que precisen axuda e favorecer deste xeito a conciliación da vida laboral e familiar.

Compartir: