Inicio Carballo ao día Hemeroteca A hostalaría local saca bo proveito do...

A hostalaría local saca bo proveito do Curso de Elaboración de Tapas que imparten Kike Piñeiro e Eloy Cancela

A iniciativa, que rematará o vindeiro 15 de maio, comezou coa elaboración de seis receitas caracterizadas polo uso de produtos autóctonos

Xoves 11 de maio do 2017 Carballo ao día

Boliño de castañas con rixóns e Arzúa, xurelo con pementos asados agripicantes, ovo de mar con ourizo, canelón de rabo de vaca, ñoquis con mexillóns e Cebreiro con chocolate foron as receitas que elaboraron os e as participantes na primeira sesión do 3º Curso de Elaboración de Tapas, unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que complementa a oferta de Carballo por Etapas. De feito, os 20 participantes son traballadores e traballadoras dos 18 establecementos que participan nesta edición da popular ruta de tapas. O curso desenvólvese nas instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, e ata alí achegouse o alcalde, Evencio Ferrero, que se amosou moi interesado polas receitas que se estaban elaborando.

Con profesores como Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro, resulta moi doado sacarlle o máximo partido aos nosos produtos tradicionais. De feito, despois de máis de tres horas de formación, os participantes quedaron con ganas de máis, pero tócalles agardar ata o luns 15.

Os obxectivos xerais do curso son ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos gastronómicos necesarios para que poidan ampliar a súa oferta de tapas baseadas nun tratamento sinxelo e innovador dos produtos autóctonos. As pezas fundamentais da formación son a creatividade e a utilización de produtos galegos de calidade. O curso abrangue seis horas de formación divididas en dúas sesións.

Compartir: