Inicio Carballo ao día Hemeroteca Abertos os procesos para a contratación...

Abertos os procesos para a contratación temporal de 50 traballadores/as que prestarán diferentes servizos municipais

A vindeira semana pechará o prazo de presentación de solicitudes para participar na selección dos equipos de salvamento nas praias e medio ambiente

Xoves 11 de maio do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo ten abertos nestes momentos distintos procedementos para a contratación dun total de 50 persoas con carácter temporal, na maioría dos casos para traballar durante os meses de verán. No que vai de ano tamén se resolveron os procesos correspondentes á contratación dun oficial de Protección Civil, profesores de guitarra, violín, linguaxe musical e canto para o Conservatorio Profesional de Música, aínda que a praza de guitarra quedou deserta, e unha titulada en prácticas para a Oficina Técnica Municipal.

O día 9 pechou o prazo de solicitudes para o posto de auxiliar de biblioteca. Neste caso o Concello de Carballo realizará un contrato de catro meses para cubrir a baixa dunha traballadora que se xubila mentres non se realiza o concurso para adxudicar a praza de forma definitiva. Tamén está en marcha a selección de seis auxiliares de policía local para traballar tamén durante catro meses, prorrogables ata un máximo de seis. Esta semana celebrouse o segundo exercicio eliminatorio, e os 13 candidatos que o superaron serán examinados o vindeiro día 16, ás 12 horas, no salón de plenos, sobre coñecemento do termo municipal e toponimia local. 

O resto dos postos están asociados a servizos que se prestan durante o verán, como son o salvamento nas praias e a vixilancia e prevención dos incendios forestais. No primeiro caso, o Concello de Carballo pretende contar con 35 socorristas para atender toda a costa durante tres meses. O prazo de solicitude rematará a principios da semana que vén, ao igual que para os 8 postos da brigada contra o lume: 3 operarios de motobomba, 3 peóns, 1 peón condutor e 1 xefe de equipo. Neste caso a contratación do persoal forma parte dun convenio entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Carballo para traballar tanto na prevención como na extinción de incendios.

Compartir: