Inicio Carballo ao día Hemeroteca A construción de naves no polígono...

A construción de naves no polígono industrial de Bértoa continúa en aumento nos primeiros meses do 2017

Ás licenzas tramitadas polo Concello de Carballo no primeiro cuatrimestre súmanse as 16 parcelas adxudicadas por Xestur en abril

Venres 12 de maio do 2017 Carballo ao día

A actividade no polígono industrial de Bértoa vai vento en popa. No primeiro trimestre o Concello de Carballo aprobou licenzas para a construción de catro novas naves (tantas como en todo o ano 2013), unha tendencia que reforza o importante aumento da actividade que se rexistrou o ano pasado, cun total de 10 permisos municipais para outras tantas construcións.

Case o 92% do solo adxudicado por Xestur no seu último consello de administración corresponde ao polígono de Bértoa, o máis demandado, con diferenza, de Galicia

Pero a actividade urbanística non é o único indicador da boa saúde do noso parque empresarial. Case o 92% do solo adxudicado por Xestur no seu último consello de administración corresponde ao polígono de Bértoa, o máis demandado, con diferenza, de Galicia. Xestur aprobou en abril a compravenda de 12 parcelas, cunha superficie total de 20.823 metros cadrados, por parte de nove empresas de diferentes sectores, dende a automoción ata os servizos agrícolas ou os materiais de construción. Nestes momentos xa está ocupado ou adxudicado máis da metade do solo dispoñible na fase desenvolvida por iniciativa pública, de aí que o alcalde, Evencio Ferrero, considere que, para anticiparse á demanda futura, sería preciso empezar a pensar en desenvolver a fase seguinte, xa que a tramitación deste tipo de actuacións urbanísticas é longa, e así llo transmitiu á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na visita que realizou hai uns días a Carballo.

Os proxectos empresariais supoñen un importante revulsivo económico e social dende o primeiro momento. Só os proxectos aprobados polo Concello de Carballo no que vai de ano supoñen un investimento de máis de 4,2 millóns de euros, se ben é certo que tres millóns corresponden á nave de fabricación de paneis de mallas e armadura de viguetas e comercialización de produtos siderúrxicos que está a construír Gallega de Mallas. A construción ocupará 16.000 metros cadrados nunha parcela de 51.079 m2, que tamén disporá de aparcamento para 167 turismos e 21 camións.

Outros proxectos

Obras do edificio de aparcadoiro, comercial e administrativo da rúa Esquío

Obras do edificio de aparcadoiro, comercial e administrativo da rúa Esquío

Pero a actividade económica non é exclusiva do polígono de Bértoa. No centro urbano tamén se están a desenvolver proxectos como o de aparcadoiro, edificio comercial e administrativo que se está a construír na parcela situada entre as rúas Esquío, Vázquez de Parga e Concepción Arenal. O Concello de Carballo aprobou en xaneiro a ampliación do edificio, que deste xeito terá dúas plantas soto de aparcamento con capacidade para 144 vehículos, planta baixa e semisoto de 2.667 metros cadrados para uso comercial, e algo máis de 1.200 m2 para uso administrativo. No primeiro trimestre, ademais, o Concello de Carballo aprobou licenzas de apertura de 12 locais comerciais 9 de construción de vivendas unifamiliares.

Compartir: