Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrancan as obras de mellora da accesibilidade na...

Arrancan as obras de mellora da accesibilidade na contorna do colexio Xesús San Luís Romero

As obras comezarán pola rúa San Luís Romero e aproveitaranse as vacacións de verán para actuar na Fotógrafo Xosé Vidal, na que se sitúa a entrada do centro

Martes 16 de maio do 2017 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na rúa Fotógrafo Xosé Vidal

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na rúa Fotógrafo Xosé Vidal

O xoves 18 comezarán as obras na contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, que se enmarcan no plan de mellora da accesibilidade aos centros escolares que está a acometer a Concellería de Obras e Servizos.  O Concello de Carballo investirá 188.155 euros nos traballos, que serán executados pola empresa Construcciones López Cao e que teñen un prazo de realización de catro meses.

Dado que as obras afectan a dúas rúas, no plan de traballo está previsto comezar pola rúa San Luís Romero, onde se traballará ata fin de curso, de xeito que se poidan aproveitar as vacacións do verán para actuar na Fotógrafo Xosé Vidal, onde está situada a entrada ao colexio. Ademais de mellorar a accesibilidade, en ámbalas rúas procederase á instalación de servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais e redes de alumeado, electricidade, teléfono, fibra e gas canalizado. 

Sinatura do contrato coa empresa construtora

Sinatura do contrato coa empresa construtora

En canto ao tratamento en superficie, as dúas rúas serán de plataforma única. Na San Luís Romero crearase unha banda verde ao longo do muro de peche do centro educativo para posibilitar a plantación de algunha especie vexetal. Pegada irá a zona peonil, de 2,50 metros de ancho e pavimento de adoquín. O aparcamento, a continuación, será semellante ao do Chorís, con cespeado portante e previsión de arborado intercalado entre as prazas. Entre as melloras que ofrece a empresa construtora, por un valor total de 20.585 euros, pero sen coste algún para as arcas municipais, figuran o acondicionamento da calzada, o mobiliario urbano e a xardinería e o aparcamento, de maneira que na rúa San Luís Romero só quedará pendente para unha fase posterior a outra beira. 

Polo que respecta á Fotógrafo Xosé Vidal, o tratamento é moi semellante, coa banda verde ao longo do peche, zona peonil de 3 metros de ancho e zona de aparcamento/peonil de 2,50, ámbalas dúas de adoquín; calzada para o tráfico rodado de 3,50 metros, e zona peonil de 1,20 metros de ancho. O esquema repetirase na outra marxe cando se desenvolva ese ámbito segundo as previsións do PXOM.

Nunha segunda fase, que o Concello de Carballo pretende acometer o antes posible, a actuación centrarase nas rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello, de tal xeito que quedará urbanizado todo o perímetro do centro educativo.

Compartir: