Inicio Carballo ao día Hemeroteca As taxas do Conservatorio Profesional de...

PLENO ORDINARIO

As taxas do Conservatorio Profesional de Música soben un 5% pero seguen sendo as máis baixas de Galicia

A proposta de actualización dos prezos será debatida no pleno de maio, no que tamén se aprobarán bonificacións no ICIO para nove empresas

Venres 26 de maio do 2017 Carballo ao día

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

O goberno municipal presentará no pleno ordinario de maio unha proposta de actualización das taxas do Conservatorio Profesional de Música, que se incrementarán un 5%. Aínda así, o CMUS de Carballo continuará sendo o máis barato de Galicia e seguirá supoñendo un déficit de case 250.000 euros. Neste sentido, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou os asuntos do pleno acompañado pola concelleira Milagros Lantes, criticou que a Xunta de Galicia leve xa varios anos “sen aportar nin un só euro” para os conservatorios de grao profesional, como é o de Carballo, mentres que si financia os de grao superior. Para Evencio Ferrero, esta situación significa unha clara discriminación que se está a intentar atallar tamén dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), da que forma parte o alcalde carballés como vicepresidente 2º, xa que, ademais, a ensinanza musical “é unha competencia impropia” dos concellos.

O CMUS supón para o Concello de Carballo un gasto de 337.439,50 euros, que inclúen “a totalidade do profesorado”, tal como manifestou o alcalde. Pero os únicos ingresos que ten son 20.000 euros que achega a Deputación da Coruña e algo máis de 64.000 procedentes das matrículas. Ese desaxuste entre ingresos e gastos motiva a suba proposta, que contribuirá tamén ao incremento do número de horas de docencia. A pesar de todo, o Conservatorio de Carballo seguirá sendo o máis barato da súa categoría en Galicia, como se pode apreciar no cadro inferior.

No pleno ordinario de maio, que se celebrará o luns 29, a corporación tamén aprobará nove solicitudes de bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Unha das empresas, un taller de confección que se vai instalar nunha nave xa existente no polígono industrial de Bértoa, obterá un desconto do 70%, xa que o investimento que realizará non acada o mínimo esixido para acadar o 95%. Esta porcentaxe si que aplicará nos outros oito casos, sete para naves no polígono e outra para un centro deportivo do motor en Vilar de Francos. Entre as nove empresas suman un orzamento de execución material de tres millóns de euros, e o aforro total para os emprendedores polas bonificacións do ICIO será de 70.000 euros.

A actualización do inventario municipal de bens, unha moción do PP sobre a área metropolitana, os informes relativos a morosidade e execución orzamentaria e os rogos e preguntas completarán a orde do día, que pode consultarse no documento adxunto.

Descargas

Compartir: