Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os actos de homenaxe ao policía...

Os actos de homenaxe ao policía José Luis Garea continuarán este xoves cunha misa na igrexa de San Xoán Bautista

O axente foi lembrado nos últimos días na Academia Galega de Seguridade Pública, no Concello de Vigo e na Deputación da Coruña

Luns 29 de maio do 2017 Carballo ao día

Minuto de silencio no pleno da corporación provincial

Minuto de silencio no pleno da corporación provincial

A corporación provincial iniciou o pleno do venres cun minuto de silencio na memoria de José Luis Garea Vales. É a última das homenaxes que se veñen sucedendo dende o pasamento en acto de servizo do axente da nosa Policía Local, que tamén será lembrado este xoves en Carballo cunha misa que se celebrará ás 20.30 horas na igrexa parroquial de San Xoán Bautista.

Outros dous actos tremendamente emotivos celebráronse tamén na Estrada e Vigo. O primeiro, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, contou coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e do xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, que recolleron unha placa de homenaxe. O outro tivo lugar en Vigo, no marco da celebración do Día da Policía Local organizado polo Concello da cidade. O alcalde, Abel Caballero, fixo entrega á viúva e aos fillos de José Luis Garea da Cruz de Ouro ao Mérito Policial. 

O alcalde de Carballo enviou unha carta de agradecemento ao alcalde e ao xefe da Policía Local de Vigo pola organización dun acto que “constitúe un importante respaldo para o traballo policial, que non sempre ten o recoñecemento que merece”, sinala Evencio Ferrero.  Do mesmo xeito, tanto dende o goberno local como dende a xefatura da Policía Local quere reiterarse o agradecemento a todas as persoas, entidades e institucións que están a facer chegar as súas mostras de solidariedade, apoio e afecto ao Concello de Carballo e aos axentes da Policía Local.

Compartir: