Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nove empresas de nova creación...

PLENO ORDINARIO DE MAIO

Nove empresas de nova creación aforrarán máis de 70.000 euros grazas ás bonificacións no ICIO aprobadas polo pleno

Os proxectos empresariais supoñen un investimento superior aos tres millóns de euros. Oito deles sitúanse no polígono

Luns 29 de maio do 2017 Carballo ao día

A corporación municipal de Carballo aprobou no pleno ordinario de maio nove bonificacións no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), unha do 70% e oito do 95%, para nove proxectos empresariais que supoñen un investimento de 3,2 millóns de euros. Entre as actividades que desenvolverán figuran a compravenda e reparación de material deportivo, aluguer de vehículos e estacionamento de autocaravanas, construción ou ferraxería, todas elas no polígono industrial de Bértoa, e un centro deportivo de motor na Ribeira de Vilar de Francos. O aforro que obterán os promotores grazas a estas bonificacións supera, en conxunto, os 70.000 euros. A decisión, como en ocasións anteriores, obtivo o respaldo unánime dos grupos políticos.

Tamén saíu adiante a proposta de actualización das taxas do Conservatorio Profesional de Música, que, malia ao incremento do 5%, seguirán sendo as máis baixas de Galicia. PP e PSOE abstivéronse e Terra Galega votou en contra.

Por outra banda, toda a oposición abstívose con respecto á actualización do inventario municipal de bens, que a 31 de decembro acada un valor total de 276.238.721,44 euros. Un total de 270.289.478,06 euros corresponden a bens inmobles.

Mocións sobre a área metropolitana

O PP e o PSOE presentaron varias preguntas

O PP e o PSOE presentaron varias preguntas

No pleno falouse longo e tendido da área metropolitana da Coruña a raíz de dúas mocións do Partido Popular. A primeira, que ten como obxectivo a inclusión de Carballo na mesa de alcaldes da área, foi aprobada por unanimidade. A segunda, na que o PP propoñía instar ao Concello da Coruña a tramitar os permisos para que os autobuses poidan chegar ao centro, foi rexeitada. O BNG votou en contra argumentando que esa decisión suporía unha inxerencia na autonomía municipal do Concello da Coruña e que, en todo caso, debería ser a Xunta de Galicia, como administración competente, a que instase ao Goberno coruñés a axilizar os trámites.

O goberno municipal deu conta do informe de pago a provedores, que demostra que o Concello de Carballo continúa a mellorar o período de pago ata situalo en menos de 31 días. Os rogos e preguntas da oposición pecharon a sesión plenaria, que rematou pasadas as 22 horas.

Compartir: