Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo volverá a optar aos...

O Concello de Carballo volverá a optar aos fondos EDUSI no caso de que haxa unha terceira convocatoria

Evencio Ferrero e Milagros Lantes cualificaron como especialmente doloroso o feito de que o proxecto quedase a só 0,25 puntos do aprobado

Mércores 31 de maio do 2017 Carballo ao día

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

Milagros Lantes e Evencio Ferrero, na comparecencia de hoxe

O Concello de Carballo volverá a optar aos fondos das Estratexias de Desenvolvemento Urbano, Sostibe e Integrado (EDUSI) no caso de que haxa unha terceira convocatoria. “Os fondos non se perden, senón que se gañan, e para gañalos, á vista da puntuación obtida, estase no bo camiño”, manifestou o alcalde.

Evencio Ferrero compareceu hoxe ante a prensa xunto coa concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que tamén o acompañou onte na reunión celebrada en Madrid para coñecer os resultados detallados da segunda convocatoria. “Temos que agradecer a atención e as aclaracións que se nos facilitaron, polo tanto o Concello de Carballo desbota presentar ningún tipo de recurso”, declarou o alcalde.

Dende o Concello de Carballo, como semella que farán tamén outros excluídos na segunda convocatoria, pedirase ao Goberno galego que destine os fondos precisos para a terceira convocatoria

Na primeira convocatoria o proxecto de Carballo obtivo 58,5 puntos e quedou a 2 de acadar os fondos europeos. Na segunda, malia mellorar 6 puntos, quedou a 0,25. “Sigue sendo igual de doloroso ou máis, porque cando se perde no último minuto e por tan pouquísima diferenza quere dicir que se estivo aí, e malia mellorar en 6 puntos non se conseguiu a puntuación necesaria. Esta situación non agrada a ningún carballés e moito menos ao goberno”, asegurou Evencio Ferrero. “As vitorias –engadiu- teñen moitos pais, todos nos apuntamos, pero cando os resultados non son os esperados non tardan en aparecer as críticas. O goberno é o máximo responsable, para o bo e para o malo, pero a oposición non pode alegar descoñecemento, porque tiñan o borrador do proxecto dende a primeira convocatoria e non fixeron ningunha achega”.

Agradecementos

O alcalde de Carballo quixo matizar que o importe máximo que podería conseguir o Concello sería de 5 millóns de euros, pero non só para investimentos, senón para outro tipo de cuestións “non tanxibles”. Evencio Ferrero declarouse “molesto con determinadas afirmacións que se ve que non son con ánimo de colaborar ou axudar a mellorar, senón para facer sangue”, e pola contra agradeceu o traballo “de todas as persoas e colectivos que si aportaron, dunha maneira moi especial á Oficina Técnica Municipal”.

Agora a dúbida está en se haberá ou non terceira convocatoria. Non parece doado, xa que depende de que a Xunta de Galicia achegue fondos. Dende o Concello de Carballo, como semella que farán tamén outros excluídos na segunda convocatoria, pedirase ao Goberno galego que destine os cartos necesarios.

Vídeos

Compartir: