Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Horto Infantil Ecolóxico Municipal...

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal inicia unha nova etapa cos obradoiros de verán que arrancarán o 26 de xuño

O prazo de inscrición estará aberto entre os días 2 e 16, e terán prioridade as nenas e nenos que participaron na última fase do proxecto

Xoves 1 de xuño do 2017 Carballo ao día

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal inicia unha nova etapa. Por diante temos tres anos de programación estable grazas ao esforzo realizado desde o Concello de Carballo para consolidar este novidoso e exitoso proxecto educativo, no que teñen participado xa decenas de nenas e nenos dende a súa posta en marcha hai máis de dous anos. E esa nova etapa arranca cos obradoiros de verán, que se celebrarán entre o 26 de xuño e o 28 de xullo para escolares de Educación Primaria e do 2º ciclo de Educación Infantil.

O prazo de inscrición estará aberto entre os días 2 e 16 de xuño. A solicitude de praza debe facerse de maneira presencial nas instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, na rúa Nardos, que estarán abertas de 16 a 20 horas. En función do número de anotacións estableceranse os horarios de celebración dos obradoiros, que, en todo caso, serán polas mañás e constarán de dúas sesións semanais de 90 minutos agás para os máis pequenos e pequenas (4º de Infantil), que asistirán a unha única sesión. Os nenos e nenas que participaron na fase anterior do proxecto, que quedou interrompido por mor do procedemento de licitación, terán prioridade.

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica para poñer aos nenos e nenas en contacto coa natureza e a terra, poñer a disposición das familias unha ferramenta de apoio ao labor educador e formativo dos centros de ensino e converterse nun laboratorio de novas ideas e técnicas que fomenten o espírito emprendedor dende a infancia.

Compartir: