Inicio Carballo ao día Hemeroteca As escolas infantís públicas...

As escolas infantís públicas recibiron este ano solicitudes de matrícula para un total de 274 nenas e nenos

Polo momento hai 155 admitidos e 119 en lista de agarda, pero na escola A Braña ábrese un período de matriculación ata o 31 de agosto para as quendas de tarde

Martes 6 de xuño do 2017 Carballo ao día

As dúas escolas públicas de Educación Infantil volverán a estar cheas o curso que vén e sen posibilidade de atender todas as solicitudes recibidas. Nestes momentos están admitidos 155 nenos e nenas e hai 119 en lista de agarda, pero, malia que na escola A Braña ábrese un período de matriculación ata o 31 de agosto para as quendas de tarde, a oferta seguirá sendo insuficiente.

A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, considera que os datos poñen de manifesto a necesidade de dispoñer de máis prazas públicas que permitan dar resposta á demanda existente, que ademais vai en aumento, e favorecer a conciliación, e nese sentido fai unha chamada de atención á Xunta de Galicia para que asuma a súas responsabilidades como administración competente en materia de educación.

A escola infantil As Landras conta cun total de 61 prazas divididas en catro unidades (unha para bebés de 0 a 1 ano, outra para os de 1 a 2, e dúas para os de 2 a 3). Neste momento estarían completas, xa que aos 58 admitidos hai que sumarlles as tres prazas (unha por cada grupo de idade) que deben quedar dispoñibles para situacións de emerxencia. En A Braña hai 102 prazas, aínda que neste caso a matrícula é superior porque funcionan as quendas de tarde. No grupo de 0 a 1 anos este ano quedan dúas vacantes, pero os de 1 a 2 e de 2 a 3 están saturados e cunhas listas de agarda de 51 e 14 bebés, respectivamente. Tamén se reserva unha praza por grupo de idade para atender posibles necesidades.

Bono Concilia

Por outra banda, a Concellería de Igualdade e Benestar lembra que ata o 26 de xuño está aberto o prazo de solicitude do Bono Concilia, unha axuda da Xunta de Galicia dirixida ás familias que escolarizan aos seus fillos e fillas de 0 a 3 anos en escolas privadas por non obter praza nas públicas que existen na súa localidade. 

Para acceder ao Bono Concilia as familias deberán solicitar praza nunha escola sostida con fondos públicas, cubrir o apartado da solicitude correspondente á opción do Bono Concilia e asinar as autorizacións e declaracións responsables recollidas nos anexos específicos para solicitantes desta axuda. No caso de que o neno ou a nena para quen se solicite praza quede en lista de agarda, a solicitude será valorada para a axuda do bono. 

A contía varía en función da renda da unidade familiar, do tipo de xornada e da utilización ou non do servizo de comedor, e vai dende os 22,50 ata os 250 euros. As persoas interesadas poden informarse e tramitar a solicitude vía electrónica a través da sede https://sede.xunta.es. Tamén poden asesorarse no departamento de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo, situado no ambulatorio vello.

Compartir: