Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación da Coruña presentou no...

A Deputación da Coruña presentou no Fórum a enquisa sobre infraestrutura e equipamentos dos concellos de Bergantiños

A concelleira de Contratación, Seguridade e Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, presentou o acto comarcal

Mércores 7 de xuño do 2017 Carballo ao día

Carballo converteuse hoxe nunha das oito sedes de toda a provincia nas que se está a presentar a enquisa sobre infraestrutura e equipamentos locais promovida pola Deputación da Coruña e elaborada por un equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña (UDC). Representantes de ámbalas institucións estiveron no Fórum Carballo para participar nunha xuntanza de traballo con representantes políticos e técnicos dos concellos de Bergantiños. A concelleira de Contratación, Seguridade e Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que foi a encargada de presentar o acto, destacou “a utilidade da ferramenta que pon á nosa disposición a Deputación para o traballo diario dos concellos”.

En representación da Deputación, Paco Freire explicou a orixe da enquisa, que se remonta ao ano 1986, e destacou as “grandes potencialidades” que ten, xa que se trata dunha ferramenta con case 4,5 millóns de rexistros de datos de infraestruturas e equipamentos de todos os concellos da provincia, “perfectamente xeo-referenciados”, dixo. Tamén sinalou que na súa orixe presentouse como un recurso importante para superar os desequilibrios territoriais a nivel estatal e aplicar políticas de cohesión social. Nese sentido engadiu que a enquisa permite, por exemplo, calcular o custo efectivo dos servizos, o que contribuirá á súa racionalización.

Pedro González, pola súa banda, explicou que o obxectivo das presentacións é explicar o funcionamento da plataforma que alberga os datos, http://webeiel.dicoruna.es/gl/, para que poidan usalos non só os concellos, senón tamén empresas e particulares.  

A xornada rematou cunha detallada exposición por parte dos técnicos da Universidade da Coruña Carlos Nárdiz, director do equipo; Pablo Regueira, responsable da información xeral de infraestruturas e equipamentos; Joaquín Suárez, do ciclo da auga, e Miguel Luaces, da parte informática.

Compartir: