Inicio Carballo ao día Hemeroteca O sábado 10 empezará a funcionar o...

O sábado 10 empezará a funcionar o servizo de salvamento e socorrismo nas praias carballesas

O Concello de Carballo instala un panel informativo sobre a clasificación sanitaria das seis zonas de baño nas que está dividido o litoral

Mércores 7 de xuño do 2017 Carballo ao día

A temporada de praias en Carballo arranca esta fin de semana coa posta en marcha, o sábado 10, do servizo de salvamento e socorrismo. O equipo inicial estará formado por 22 persoas, xa que na primeira convocatoria non foi posible cubrir as 35 prazas ofertadas. De todos os xeitos, o Concello realizará un segundo proceso selectivo para intentar completalas de cara aos meses de xullo e agosto, nos que se rexistra a maior afluencia de visitantes.

Dentro das medidas previstas para ofrecer as máximas garantías de seguridade aos usuarios, o Concello de Carballo tamén instalou un panel informativo sobre a clasificación sanitaria das seis zonas de baño nas que por parte do Servizo Municipal de Protección Civil, en coordinación coa Xunta de Galicia, quedou dividido o litoral. En tres delas, Ría de Baldaio, As Saíñas e Pedra do Sal, a calidade da auga é excelente, e en Razo é boa, polo que son as recomendadas para o baño; en Arnados a calidade é insuficiente, polo que non é aconsellable, e nas dunas está prohibido por tratarse dunha zona protexida que ademais non está controlada sanitariamente nin por parte do servizo de salvamento e socorrismo.

O Concello de Carballo comunicou á empresa concesionaria do servizo de limpeza a prohibición de usar medios mecánicos na zona das dunas para evitar danos a especies como a píllara

Nesa mesma zona, así mesmo, o Concello de Carballo comunicou á empresa concesionaria do servizo de limpeza a prohibición de usar medios mecánicos para evitar danos a especies como a píllara das dunas. En todo areal as tarefas de limpeza son diarias dende o día 1. De cara ao inicio da temporada de maior afluencia tamén se reforzará a recollida de residuos sólidos urbanos, entre outros servizos.

A nivel medioambiental, o verán do 2017 comeza tamén con dúas bandeiras azuis para as praias de As Saíñas e Pedra do Sal e un sendeiro azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio, ademais das dúas certificacións ambientais máis esixentes no que a xestión ambiental se refire: o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio dos que están implantados en Europa.

Compartir: