Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo será o punto de saída e...

Carballo será o punto de saída e chegada da I Ruta de autocaravanas nómadas solidarias

Profesorado do IES Monte Neme e unha empresa local de autocaravanas colaboran na iniciativa que promove a ONG Operación Pangono Pangono para levar axuda humanitaria a Malawi

Venres 9 de xuño do 2017 Carballo ao día

A solidariedade tamén viaxa en autocaravana grazas a unha iniciativa da ONG Operación Pangono Pangono, que conta coa colaboración de profesorado do IES Monte Neme, dunha empresa carballesa de autocaravanas e do Concello. Precisamente hoxe presentaron a iniciativa solidaria que pretenden desenvolver, e que consiste na instalación dun sistema fotovoltaico que permita ampliar as horas de luz nunha residencia de Malawi xestionada por unha congregación relixiosa. “Todos os días marcha a luz ás seis da tarde, e as rapazas que chegan a esa hora non poden estudar”, explicou Ricardo Baamonde, presidente da ONG, que chegou a Malawi a través dunha tía lonxa que é monxa e que promoveu a creación da residencia xa hai anos. “Teñen cento e pico nenos residentes e 400 titorados, ademais dun hospital rural, e mantéñense practicamente con voluntariado. O que fan é incrible”, dixo.

A raíz da súa primeira viaxe conseguiu implicar a outros compañeiros e compañeiras docentes, e naceu unha asociación “que foi medrando sen darnos conta”. Este ano viaxarán a Malawi catro persoas, entre eles Élida Pereiro, que tamén estivo na presentación. A saída está prevista para o 11 de agosto.

Pero antes hai moito por facer, entre outras cousas conseguir os cartos para financiar o sistema fotovoltaico. E aí entra a I Ruta de autocaravanas nómadas solidarias que se celebrará na fin de semana do 17 e 18 de xuño, e que terá Carballo como punto de saída e de chegada.

A empresa de autocaravanas de Jesús Ramón García, que ten a súa sede no polígono industrial de Bértoa, é unha das colaboradoras habituais da ONG. Nesta ocasión cede oito autocaravanas para as persoas que participan na ruta. De momento hai 11 confirmadas, pero agárdanse máis, ata un máximo de vinte por cuestións de loxística. A ruta ten un prezo de 120 euros, que inclúe a noite no cámping de Muros, cea e almorzo. As persoas que dispoñan dunha autocaravana están aínda a tempo de anotarse.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que os acompañou na presentación da ruta, agradeceu o labor solidario de entidades como Operación Pangono Pangono e reiterou o apoio do Concello.

Ligazóns



Galería

Compartir: