Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primeiras insercións laborais no curso de...

Primeiras insercións laborais no curso de metal organizado polo Concello

O alcalde compartiu co alumnado a última xornada de formación teórica antes de iniciar o curso de prevención de riscos e as prácticas en empresas

Venres 9 de xuño do 2017 Carballo ao día

O curso de metal organizado pola Concellería de Promoción Económica está empezando a dar froito. Un dos 15 alumnos que iniciaron a formación teórico-práctica hai tres meses xa está a traballar nunha empresa do sector, e outros dous empezarán a facelo de xeito inmediato. As expectativas son moi boas, porque, segundo explicou o monitor, Manuel Formoso, a demanda é tan alta que mesmo sería posible acadar “o pleno emprego”.

Hoxe foi o último día de curso teórico-práctico nas instalacións do Fórum Carballo, no que se ofreceu aos participantes formación específica en soldadura con chapa fina e tubaxes redondas e cadradas con TIG e MIG/MAG, de maneira que agora xa poden enfrontarse ao proceso completo de creación dun deseño industrial, incluídos o pulido, o satinado e a montaxe final. “O curso foi moi completo e o alumnado, excelente”, asegurou Manuel Formoso, un profesional con moitos anos de experiencia no mundo do metal e na docencia.

Nesta última xornada os alumnos recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero, que quixo coñecer as súas valoracións sobre a formación recibida e as súas expectativas laborais, e que insistiu na importancia de aproveitar as instalacións do Fórum Carballo para mellorar a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras do concello e de toda a Costa da Morte.

Despois destas 450 horas de formación vinculada á fabricación mecánica, o luns comezará a de prevención de riscos laborais, cun total de 66 horas, e despois iniciarán 100 horas de prácticas non laborais en empresas. O Concello de Carballo conta como colaboradoras coas principais empresas do sector (Grupo Caamaño, Grupo Alumán, Formas Inoxam e Mantiñán Lestayo), que ademais avalaron o curso dende o primeiro momento. De feito, dous dos alumnos son traballadores xa en activo que tiveron facilidades para asistir ao curso e mellorar a súa formación.

Compartir: