Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal traslada ao xefe territorial...

O goberno municipal traslada ao xefe territorial de Educación necesidades de mellora en varios centros educativos

O Concello de Carballo inicia os trámites para a desafectación das vivendas dos mestres coa finalidade de crear un “espazo solidario”

Martes 13 de xuño do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo hoxe unha xuntanza co xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, co obxectivo de facerlle chegar unha serie de necesidades de mellora en varios centros educativos, entre elas unha nova sede para o CRA Ponte da Pedra e diversas actuacións nos CEIP Bergantiños e Gándara-Sofán.

As obras de instalación do novo pavimento deportivo no CEIP Fogar e no IES Monte Neme xa están en marcha

As obras de instalación do novo pavimento deportivo no CEIP Fogar e no IES Monte Neme xa están en marcha

Por parte do Concello de Carballo estase a acometer nestes momentos a instalación de novos pavimentos nos pavillóns do IES Monte Neme e o CEIP Fogar, unha actuación prevista nos convenios de colaboración con ámbolos centros para que as instalacións deportivas poidan ser xestionadas a través da Concellería de Deporte fóra do horario lectivo e que deste xeito poidan estar a disposición das entidades deportivas. O investimento acada os 78.529 euros. Os novos pavimentos están adaptados á normativa europea sobre seguridade e confort do deportista e ademais pintaranse pistas para a práctica de diferentes modalidades deportivas.

Con respecto ao IES Monte Neme, por parte da Consellería de Educación tamén está previsto acometer de xeito inmediato un proxecto de ampliación que suporá un investimento de 825.000 euros, e que incluirá, entre outras melloras, a adaptación e modernización dos talleres.

Antigas vivendas dos mestres

Antigas vivendas dos mestres

Na xuntanza de hoxe tamén se chegou a un acordo para iniciar o procedemento de desafectación das antigas vivendas dos mestres, que se atopan desocupadas e en mal estado. O Concello de Carballo xa conseguiu no seu momento recuperar un dos bloques, no que se sitúan as sedes da Cruz Vermella e a Asociación Vieiro, e pretende utilizar o resto dos edificios para crear un “espazo solidario” no que terán cabida entidades que traballan no eido social.

Compartir: