Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo súmase á campaña...

Carballo súmase á campaña provincial “Construíndo diversidade” con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTQI

A concelleira de Igualdade, Maica Ures, promove a colaboración dos sectores do comercio e a hostalaría

Martes 27 de xuño do 2017 Carballo ao día

O 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGBTQI, unha xornada de reivindicación dos dereitos plenos da comunidade lesbiana, gai, bisexual, transexual, queer e intersexual. O Concello de Carballo súmase á campaña “Construíndo diversidade”, promovida pola Deputación da Coruña para traballar pola visibilización e a sensibilización social sobre as diferentes realidades das relacións afectivas.

A campaña ten un compoñente online moi importante, pero non exclusivo. No caso de Carballo, por exemplo, a concelleira de Igualdade, Maica Ures, está a levar a cabo esta semana un importante labor de difusión da iniciativa entre os sectores do comercio e a hostalaría, que están a colaborar en boa medida facilitando a difusión da cartelería e do material promocional da campaña. Chapas e bolsas circulan xa polos establecementos e as rúas carballesas.

En toda a provincia son 31 os concellos de todas as cores políticas os que participan na campaña, que, como explica a responsable provincial de Igualdade, Ánxela Franco, trata de “sensibilizar, fomentar a tolerancia e o respecto en igualdade de todas as opcións sexuais ao tempo que apoiar a diversidade”. A campaña céntrase nun deseño baseado no xogo de construír palabras como metáfora da construción da diversidade do lema a través de pezas que forman os termos Lesbiana, Gai, Transexual, Bisexual, Queer e Intersexual cunhas iniciais que toman preponderancia na imaxe coas cores do arco da vella, símbolo da comunidade LGTBQI.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: