Inicio Carballo ao día Hemeroteca Goberno municipal e comerciantes expoñen...

Goberno municipal e comerciantes expoñen as súas posturas sobre o tráfico na Desiderio Varela

Xa hai un primeiro acordo para que a rúa abra ao tráfico só polas mañás, pero mantéñense as diferenzas sobre os horarios

Martes 11 de xullo do 2017 Carballo ao día

Goberno municipal e representantes do comercio da contorna da Praza do Concello mantiveron hoxe un primeiro encontro para falar do tráfico. Aínda que o debate se centra nestes momentos na rúa Desiderio Varela, na xuntanza falouse de todo o ámbito. De feito, o sector empresarial estivo representado por unha comerciante da Desiderio Varela, outra da Gran Vía e outra da Colón. Por parte do Concello de Carballo asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; o concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.

A proposta do goberno municipal consiste en abrir de 7 a 11 horas (ata as 14 horas os xoves e domingos de feira) para facilitar a carga e descarga, ademais de garantir o acceso a residentes mediante un sistema semellante ao que funciona na rúa Colón

Aínda que o goberno municipal amosouse partidario de manter a rúa pechada ao tráfico rodado, comparte a necesidade de facilitar a actividade comercial regulando un horario de carga e descarga desde as 7-8 da mañá ata as 11 e ampliando ata as 14 horas os xoves e domingos de feira, ademais de garantir o acceso a residentes mediante un sistema semellante ao que xa funciona na rúa Colón e, por suposto, a atención a calquera emerxencia. As comerciantes tamén aceptan o peche da rúa polas tardes, pero consideran insuficiente o horario proposto polo goberno para as mañás e piden que sexa todos os días ata as 14 horas.

O alcalde comprometeuse a estudar a proposta co conxunto do grupo municipal, aínda que considera que as posibilidades de cambio son remotas. Evencio Ferrero explicou que a decisión do goberno non é caprichosa, senón froito dun modelo de vila que prima a seguridade peonil sobre o tráfico e que aposta por espazos urbanos cada vez máis seguros e accesibles para toda a poboación, desde a infancia ata os maiores. Lembrou ademais que Carballo é un dos concellos do seu tamaño que ten menos metros de rúas peonís, e que a intención do goberno é seguir estendendo o modelo das rúas Hórreo e Coruña. De todos os xeitos, o executivo local estudará a petición deste sector, co que manterá unha nova xuntanza dentro dunha semana.

Compartir: