Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo investirá...

PLENO ORDINARIO DE XULLO

O Concello de Carballo investirá equitativamente entre o casco urbano e a zona rural os 1,8 millóns de superávit

Os investimentos permitirán iniciar un plan de aglomerado de vías estruturantes e outro de pavimentación con cemento de núcleos rurais

Luns 31 de xullo do 2017 Carballo ao día

A corporación municipal aprobou no pleno ordinario de hoxe un suplemento de crédito para investir o superávit do ano pasado, que ascende a 1,8 millóns de euros, en obras financeiramente sostibles.

Algo máis da metade desa contía vai destinada ás parroquias rurais, nas que se completará o proceso de reforma  integral das vías secundarias e ademais arrancarán dous novos plans: un de aglomerado de vías estruturantes, que comezará polas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde, e outro de pavimentación con cemento de núcleos rurais singulares, dos que se pon como exemplo a actuación realizada en Cances Grande, e que continuará no Rodo (Oza).

Polo que se refire á zona urbana, o superávit destinarase a dous proxectos: a reurbanización da contorna do CEIP A Cristina e da rúa do Sol. O alcalde, Evencio Ferrero, anunciou no pleno, a raíz dunha intervención da portavoz de Terra Galega, Estefanía Canosa, na que pedía que se priorizase a rúa Barcelona fronte á rúa do Sol, que o proxecto da rúa Barcelona xa está en elaboración e que se acometerá con cargo a vindeiros plans.

O investimento de 1,8 millóns de euros complétase coa achega do Concello á obra da senda peonil e ciclista Carballo-Bértoa, que está en execución en convenio coa Xunta de Galicia.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo municipal do BNG. PP e PSOE abstivéronse e Terra Galega votou en contra.

Ordenanza do Ciclo Integral da Auga

Os tres grupos da oposición abstivéronse no punto relativo á refundición das ordenanzas fiscais números 10 e 17, reguladoras das taxas pola prestación dos servizos de depuración e de subministro de auga, que se converten na ordenanza do Servizo da Ciclo Integral de Auga e incluirá o subministro de auga potable, a rede de sumidoiros, o saneamento e a depuración, e que, segundo a oferta presentada pola empresa adxudicataria, suporá una diminución das tarifas de ata un 20%.

Moi debatida foi a moción presentada por TeGa solicitando a modificación do sentido de xiro na rúa San Xoán Bautista cara a rúa do Sol, que foi rexeitada. O goberno municipal defendeu o seu modelo de ordenación viaria, baseado na implantación de plataformas únicas e rúas dun único sentido porque, segundo os informes técnicos, son máis seguras.

PP e TeGa presentaron en total dous rogos e 15 preguntas, algunhas coincidentes, sobre diferentes cuestións.

Compartir: