Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo fai un chamamento ao...

O Concello de Carballo fai un chamamento ao consumo responsable da auga ante a situación de seca persistente

O nivel de auga nos ríos está en mínimos e o goberno municipal xa leva meses aplicando medidas de aforro

Mércores 23 de agosto do 2017 Carballo ao día

As fontes ornamentais, como a da Praza da Cruz Vermella, levan meses sen auga como medida de aforro e sensibilización social

As fontes ornamentais, como a da Praza da Cruz Vermella, levan meses sen auga como medida de aforro e sensibilización social

En situacións de seca persistente como a actual somos especialmente conscientes de que a auga é un recurso escaso. Nestes momentos o nivel de auga nas canles fluviais está en mínimos, e aínda que o Concello de Carballo empezou a aplicar hai xa tempo distintas medidas de aforro, como pechar as fontes ornamentais ou reducir os baldeos, no goberno municipal existe a lóxica preocupación pola evolución dos recursos hídricos. De feito, moitas fontes particulares xa están secas, e as traídas veciñais empezan a resentirse tamén. Por iso, desde o Concello de Carballo faise un chamamento ao consumo responsable.

A auga resulta imprescindible para a vida e para innumerables procesos produtivos, pero en todos os casos é posible reducir o seu consumo. A nivel particular, por exemplo, procurando deixar as billas ben pechadas, non deixando correr a auga da ducha antes de meternos nela, usando a lavadora coa carga completa, reducindo o rego de xardíns, evitando lavar o coche ou baldear, non enchendo as piscinas ou, por exemplo, limitando o uso das duchas nas praias.

Froito do compromiso do Concello de Carballo coa boa saúde dos nosos ríos foi a posta en marcha da segunda captación de auga, que está a funcionar no río Bardoso e que complementa a do Anllóns, evitando que, polo momento, haxa restricións como as que levan semanas aplicando xa en distintos concellos galegos.

Compartir: