Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras na contorna do CEIP Xesús...

Avanzan as obras na contorna do CEIP Xesús San Luís Romero e a tramitación do proxecto de reforma do pavillón do colexio

O Concello de Carballo investirá máis de 450.000 euros entre as dúas actuacións

Venres 25 de agosto do 2017 Carballo ao día

Rúa Fotógrafo Xosé Vidal

Rúa Fotógrafo Xosé Vidal

A medida que avanzan as obras na contorna do CEIP Xesús San Luís Romero tamén o fai o procedemento de contratación do proxecto de reforma do pavillón do colexio. Entre ámbalas dúas actuacións o Concello de Carballo realizará un investimento de máis de 450.000 euros.

A reforma da instalación deportiva ten un orzamento inicial de 131.062 euros. A mesa de contratación xa revisou esta semana as propostas presentadas polas empresas e a adxudicación do contrato realizarase en breve. O proxecto inclúe o peche da instalación, a iluminación e a mellora da accesibilidade desde o propio colexio, entre outras actuacións menores, e será financiado integramente con fondos municipais.

Rúa Xesús San Luís Romero

Rúa Xesús San Luís Romero

A obra do pavillón súmase ao proxecto de mellora da accesibilidade que se está a acometer nestes momentos na contorna do colexio, nunha primeira fase que afecta ás rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal. A primeira xa está rematada e aberta á circulación, e, de feito, en poucos días tense convertido nun lugar de paseo moi utilizado polos veciños e veciñas do barrio. Agora avanzan os traballos na Fotógrafo Xosé Vidal co obxectivo de telos o máis rematados posible para o comezo do curso escolar, xa que por esta rúa realízase o acceso ao centro.

Ademais de pensar na mobilidade de alumnado e familias, as obras permitiron acometer a instalación dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de augas pluviais, alumeado, electricidade, teléfono, fibra ou gas canalizado. A solución adoptada consiste no acondicionamento de franxas verdes pegadas ao muro de peche do colexio, amplas zonas peonís, aparcamentos e calzada dun só carril, xa que se establecerá a dirección única para priorizar a circulación peonil e garantir a seguridade nun entorno escolar. Na outra marxe da rúa Fotógrafo Xosé Vidal a urbanización non poderá completarse ata que se desenvolva urbanisticamente ese ámbito, como prevé o PXOM.

Nunha segunda fase, que o Concello de Carballo pretende acometer o antes posible, a actuación centrarase nas rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello, de tal xeito que quedará urbanizado todo o perímetro do centro educativo.

Compartir: