Inicio Carballo ao día Hemeroteca Berocasión pechou as portas con centos de...

Berocasión pechou as portas con centos de visitantes de toda Galicia e 42 vendas realizadas

As empresas participantes realizaron un balance “totalmente positivo” da fin de semana

Luns 28 de agosto do 2017 Carballo ao día

Berocasión pechou as súas portas reafirmándose como a feira do sector do vehículo de ocasión de referencia en Galicia, tanto polo volume e a procedencia dos visitantes _centos de persoas de toda a comunidade autónoma_ como polas vendas realizadas. As sete empresas participantes pecharon un total de 42 operacións, o que supón unha media lixeiramente superior á do ano pasado, pero sobre todo estableceron contactos con posibles clientes que agardan materializar nas vindeiras semanas. De feito, convencidos de que “o efecto Berocasión” dura uns tres meses, agardan poder realizar un novo balance con novas cifras para esa data.

Automóbiles Dimolk, M. Caeiro Renault, Talleres J. Lema, Miguel Autos, Rebalcars, Automóbiles Vilas Rama e Grupo Breogán-Toyota realizaron unha valoración “totalmente positiva” da fin de semana, na que puxeron á venda arredor de 300 vehículos na contorna do parque do Rego da Balsa. O sábado pola tarde foi un dos momentos de maior afluencia, e o domingo, coincidindo coa feira, tamén houbo moita animación en todo o recinto.

Os concesionarios e talleres destacaron tamén o empuxe que autónomos e pequenos empresarios supoñen para o sector, un aspecto que xa destacaran na presentación da feira e que volveu a confirmarse coas vendas realizadas. Os vehículos de traballo e dun prezo medio de 10.000 euros foron os máis demandados.

O Concello de Carballo, que colaborou cos organizadores un ano máis, tamén expresa a súa satisfacción polos bos resultados colleitados, xa que Berocasión resultou rendible para o sector, converteuse nun elemento máis de atracción de visitantes ao noso concello e contribuíu a reforzar a nosa feira tradicional como elemento de dinamización económica e social.

Compartir: