Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nenos e nenas con discapacidade dan un paso...

Nenos e nenas con discapacidade dan un paso máis cara a inclusión nun campamento de surf financiado polo Concello

A Concellería de Promoción Económica, a través do departamento de Turismo, colabora coa Agrupación Deportiva Un Paso Máis

Xoves 31 de agosto do 2017 Carballo ao día

A estas alturas ninguén dubida de que o deporte é unha ferramenta de inclusión extraordinaria, pero en Carballo damos “un paso máis” e apostamos polo surf como unha actividade de ocio deportivo e turístico inclusivo. Grazas á iniciativa da Concellería de Promoción Económica, a través do departamento de Turismo, 13 nenos e nenas da Agrupación Deportiva Un Paso Máis están a participar esta semana nun campamento que lles permite descubrir o surf no noso litoral, relacionarse con outros rapaces e rapazas e gozar dos últimos días do verán ao aire libre nunha contorna privilexiada.

A Concellería de Promoción Económica apoia esta actividade por segundo ano consecutivo, e ademais coa intención de mantela e de facela rotatoria polas distintas escolas de surf que desenvolven a súa actividade no noso litoral.

Nesta ocasión a iniciativa desenvólvese no Raz Surfcamp, onde 13 nenos e nenas teñen a súa base de operacións todos os días pola tarde, desde as 13.00 ata as 20.00 horas. Alí xantan e despois participan en actividades como o volei praia, o tenis de mesa ou, por suposto, o surf. Mañá venres será o último día e tocará facer balance, pero a experiencia está resultando moi positiva e gratificante.

Compartir: